
Un breve repaso
Hai algo máis de 50 anos nun día coma hoxe, o nacionalismo galego volvía ocupar as rúas de Compostela para celebrar o Día da Patria Galega. Recuperar esta data tan significativa para o noso pobo requiriu duras loitas e xornadas de intensos combates contra as forzas do imperialismo español. Se imos ver as imaxes daquelas mobilizacións históricas, atoparemos entre as masas de manifestantes, sentados na praza ou nas listaxes de feridas e arrestadas, a centos de estudantes galegas. Máis de 50 anos despois seguimos aquí, reivindicando o 25 de Xullo e homenaxeando a todas aquelas que antes de nós xa loitaron polos nosos dereitos, a nosa terra e o futuro da Galiza Ceibe que desexamos.
Mais non só o 25 de Xullo, senón que toda a historia do nacionalismo galego está protagonizada en boa parte por estudantes. Ao longo de distintas organizacións, levaron sempre a bandeira e as ideas que hoxe seguimos cargando alá onde estaban, ata o presente. A primeira delas nacía na clandestinidade no ano 1973. ERGA non foi só a primeira organización estudantil galega en representar á maioría do estudantado en defensa dos seus intereses. Foi tamén a primeira organización de masas do nacionalismo, levando as bases da nosa ideoloxía a todos os centros de ensino do país e aglutinando para o seu I Congreso de 1978 xa a máis de 1000 afiliados. Continuou o seu camiño como piar e vangarda no movemento, defendendo ás estudantes contra a suba das taxas ou o autoritarismo de profesores e institucións, mais tamén defendendo as loitas comúns de toda a sociedade pola terra, polo idioma ou polos dereitos políticos e sociais, entre tantas outras. No 1988 disolveuse, sabendo que deixaba a semente para que outras seguisen o camiño comezado.
No eido estudantil foron os CAF-CAEF os que tomaron o relevo para continuar a obra que ERGA comezara, representando o estudantado organizado en todos os campus e en decenas de centros de ensino medio. Mantiveron o pulso por un ensino galego público e de calidade e foron protagonistas da democratización das Universidades, tomando claustros e corredores. Organizaron a centos de estudantes por todo o país para mobilizar a milleiros polos nosos dereitos como sector que tampouco se deixou afastar dos intereses conxuntos da nación galega. No Nunca Máis, nas manifestacións contra a guerra en Iraq, en decenas de paros contra a suba de taxas, prezos de alugueiros ou en defensa da nosa lingua estiveron os CAF e con eles as estudantes galegas.
Ese mesmo espírito, esa mesma loita, foi continuada despois polos Comités, A Liga Estudantil ou AGIR entre outras tantas organizacións de estudantes nacionalistas que seguiron demostrando ser a vangarda e fronte do movemento. Ese mesmo espírito é o que chegou ata nós coa fundación de ERGUER en 2016. Conscientes de que o estudantado galego organizado non só debe loitar polos seus dereitos e por un ensino galego, popular, democrático e igualitario, senón que debe estar presente e activo en todas as loitas da Nación Galega. Nós, como fixeron as xeracións das organizacións anteriores, tomamos parte no movemento nacionalista porque cremos nun futuro máis digo, máis libre e máis xusto. Iso é o que demostramos cando baleiramos as aulas en contra das macrocelulosas de Altri ou Ence, en defensa do idioma ou en cada 8 de marzo. Loitamos e estudamos para construír o ensino que a Galiza liberada precisa.
O papel a xogar
Con este breve repaso vemos claramente como as estudantes galegas sempre fumos unha peza importante e fundamental do movemento nacional-popular galego. As organizacións de masas do movemento estudantil estiveron presentes sempre que o país o precisaba, sendo a loita estudantil unha ferramenta de grande importancia para defender os intereses do noso pobo.
A importancia da mesma percíbese claramente cando se ve ás estudantes participando nos procesos de loita nacionais coma a defensa da nosa terra, a defensa da lingua ou polo dereito á vivenda, funcionando coma unha importante reserva de militancia para as causas xustas. Mais o papel que xoga a loita estudantil vai alén disto. Organizar ás estudantes galegas é mobilizar unha masa de xente nova, en pleno período formativo que comeza a politizarse e a involucrarse na construción dun futuro mellor. Chegar a elas é sermos tamén referentes, amosar as posibilidades que a organización achega e transladar unha forma de traballo, formación e implicación que resignifica e dá valor de novo ao papel que xogamos como peza dese futuro. É pois, un dos nosos deberes esenciais continuar a tarefa de levar ás aulas do país a teoría e a práctica que une todas estas ideas: o nacionalismo galego.
Mais isto implica tamén afrontar diversas dificultades. O período organizativo relativamente curto do estudantado, a renovación constante de militancia, a dificultade de chegar aos centros fóra das cidades e universidades e a desmobilización xeneralizada da sociedade son cuestións que xa outras antes que nós abordaron. Este semellante reinicio perpetuo causa que moitas veces as organizacións estudantis desempeñen unha labor pouco recoñecida. Isto só podemos respondelo continuando ese camiño xa aberto e que protagoniza este pequeno artigo. Continuar a loita pola galeguización do ensino, a defensa da nosa historia, dos nosos dereitos como pobo, dun ensino xusto, igualitario, digno e de calidade para todas. Seguir sendo un foco co que facer ao conxunto do estudantado consciente da realidade ao seu redor para deixar de ver os problema individuais illados dos estruturais.
Como militantes no eido estudiantil, tanto ensinamos como aprendemos. Como organizacións estudantís somos a porta de entrada e a primeira casa de formación para moitas militantes do nacionalismo. É así que vemos como moitas das militantes que se forman nestas organizacións pasan despois a nutrir as bases doutras por todo o país, abranguendo todo tipo de loitas e sectores. Por isto, o papel formativo das organizacións estudantís nunca debe de ser esquecido nin minusvalorado.
Feito este transcurso breve por anacos da historia e a relevancia do movemento estudantil do noso país, podemos entender algo mellor cal é o noso obxectivo e os pasos a seguir. Na actualidade, as estudantes galegas organízanse en Erguer, como fronte estudantil de referencia. Non renunciamos ás historicas reivindicacións das estudantes da Galiza e seguimos no mesmo camiño que se abriu no 1973. Conscientes do traballo anterior que nos permite a nós estar aquí e do deber de continualo, seguiremos loitando aula a aula, rúa a rúa. Pola nosa terra, pola nosa lingua, polos nosos dereitos e polo ensino galego que a nosa nación merece,
Berremos ben alto hoxe
Viva o 25 de Xullo, viva Galiza ceibe, viva a loita estudantil!
