[Ciencia e Igualdade: un asunto pendente]

As carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) seguen a percibirse
socialmente como masculinas, un estereotipo que repercute nas aspiracións de moitas
nenas e adolescentes, que deixan de ver a ciencia como unha posibilidade a idades moi
temperás (a partir dos seis anos segundo un estudo da revista Science).
A infrarrepresentación das mulleres nos libros de texto (son mencionadas en menos do
7’6%) é un dos axentes de exclusión máis significativos. Son moitas as mulleres que, ao
longo da historia, realizaron importantes achegas a diferentes áreas da ciencia, dende as
disciplinas máis antigas como son as Matemáticas ou a Física ata campos de estudo máis
recentes como poden ser a Nanociencia ou a Biomedicina. Non obstante, a borrada da súa
pegada supón a inexistencia de referentes femininos nas aulas. As rapazas non desenvolven unha vocación científica porque non teñen modelos nos que verse reflectidas.
As eivas no sistema educativo provocan unha clara situación de desigualdade de xénero
nos estudos superiores, escenario especialmente alarmante nas áreas máis técnicas:
apenas unha de cada catro estudantes de Enxeñería son mulleres, porcentaxe que diminúe
ata o 14% no caso de Informática.
Estas cifras defiren moito se analizamos os graos de Ciencias da Saúde, onde a presenza
feminina é moi superior ao 50% (69% en Medicina, 82% en Enfermería); fenómeno que se
xustifica facilmente atendendo á relación que ditas disciplinas gardan cos coidados.
Detrás dos datos está a socialización que reciben nenos e nenas dende pequenas, os
esteriotipos de xénero nos xoguetes -construción e experimentación para eles, bonecas e
cociña para elas-, así como a información sesgada que a sociedade recibe acerca dos
procedementos da ciencia; o científico é prototípica -e erroneamente- un home “tolo”, un
xenio (nunca unha xenia) que traballa illado do mundo, día e noite, no seu laboratorio.
Por outra parte, as estatísticas demostran a existencia dun teito de cristal nas
universidades, onde as mulleres só representan o 29,4% do persoal investigador, segundo
datos do Instituto da Muller. A toma de decisións no que respecta á ciencia tampouco
presenta unha participación igualitaria: só hai un 23% de reitoras e directoras de institutos
de investigación, e os proxectos dirixidos por mulleres constitúen unicamente un 16% do
total.
As rapazas que a pesar das mensaxes desalentadoras da sociedade conseguen chegar ao
mundo da investigación atópanse de cheo cunha realidade igualmente desoladora: o acoso
sexual e a discriminación por razón de xénero persisten en universidades e centros de
investigación, e ante este problema, atopámonos con que só o 63% dos Organismos
Públicos de Investigación conta con protocolos de prevención da violencia machista.
As matemáticas non menten: está claro que a ciencia é un terreo no que queda moito por
conquistar en termos de igualdade. A lacra dos estereotipos machistas non só constitúe
unha vulneración das liberdades das nenas, que se ven inmersas nun escenario no que a
súa elección está coaccionada pola sociedade; supón tamén unha importante perda de
talento na ciencia e na tecnoloxía.
Ante esta situación que atenta contra os nosos dereitos, as estudantes debemos
organizarnos e loitar por un cambio de base no modelo educativo e no sistema de ciencia e
investigación. Cómpre unha mellora dos plans educativos, impulsar políticas que pulen pola
inclusión das mulleres nas materias científicas e un potente traballo institucional en prol da
erradicación dos esteriotipos de xénero en todos os ámbitos da sociedade.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira