Esta mañá, un rapaz e unha rapaza españois agrediron verbal e fisicamente a dúas persoas novas por falar en galego. Os atacantes, que estudan na universidade, increparon e berraron varios insultos ás mozas. Para cando elas intentaron defenderse, os agresores exerceron a violencia física acompañada de máis insultos.
ERGUER. Estudantes da Galiza denuncia estes feitos e pide á USC que comece un expediente de investigación. Mandamos todo o noso apoio ás vítimas e estamos dispostas a axudar no que precisen. Este tipo de condutas son inadmisíbeis e deben ser condenadas firmemente como a mostra do colonialismo que sofre Galiza e do crecemento dos discursos fascistas e imperialistas, manifestados no noso país como o españolismo máis cruento. A nosa lingua, os nosos dereitos, son para eles algo a ser exterminado. Resulta especialmente grave que persoas que veñen estudar á Galiza actúen desde o desprezo á nosa lingua e identidade. Esa postura de imposición e intolerancia é unha mostra evidente do españolismo máis reaccionario que non estamos dispostas a normalizar.
Este episodio non é un feito illado. A única forma de loitar contra isto é organizármonos como estudantes dun país que non se deixará asoballar. Na Galiza en galego, sempre.
Asinado, o Consello Nacional de Erguer.Estudantes da Galiza

