Comunicado de Erguer. Estudantes da Galiza ante as medidas adoptadas pola Xunta de Galiza no ámbito educativo
En primeiro lugar, queremos sinalar a importancia de evitar alarmismos e manter a calma ante a situación que enfrontamos. É de suma importancia atender á información trasladada polos organismos oficiais e ás indicacións sanitarias.
En segundo lugar, demandamos transparencia e rigor nas medidas adoptadas pola Xunta de Galiza. As estudantes temos dereito a saber que supón para nós a suspensión das clases e en que medida nos vai afectar isto.
Tamén reclamamos que se desenvolvan as medidas e mecanismos precisos para que a suspensión non teña repercusións académicas e que esta situación non perxudique ao alumando galego. Así mesmo, cremos que é imprescindible manter informada e contar co conxunto da comunidade educativa para a elaboración de solucións e propostas.
Ante a situación e a información que se deu a coñecer hoxe facemos as seguintes demandas:
Precisamos coñecer os cambios que poidan darse no calendario académico e os períodos de avaliación.
No que respecta a ABAU, é necesario coordinar coa CIUG as medidas precisas e manter ao alumnado informado no caso de que sexa preciso modificar o calendario.
Pedimos a Xunta que, en coordinación cos centros educativos, adopte as medidas oportunas ao respecto da docencia telemática. Consideramos que non se poden implantar aulas en liña sen contar cos medios necesarios para garantir unha docencia accesíbel para todas.
Demandamos solucións para o alumando de FP e ensino universitario que non vai poder realizar as súas prácticas.
De novo, recomendámosvos ao conxunto do estudantado manter a calma, procurar a información nas canles oficiais e evitar os desprazamentos e contactos innecesarios na medida do posíbel.
Dende Erguer, nas vindeiras semanas estaremos pendentes de calquera cuestión que afecte ao estudantado e dos problemas que poidan xurdir a raíz desta situación. Para calquera dúbida podes contactar con nós a través das nosas redes ou por correo a nacional@erguer.gal
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira