COMUNICADO FÓRA MILITARISMO DAS NOSAS AULAS

No día de onte, parte das estudantes de Farmacia tiveron que asistir, case de xeito obrigatorio, a unha palestra impartida polas forzas armadas do Estado baixo o título “Sanidade militar como oportunidade de saída laboral”.

 

ERGUER. Estudantes da Galiza denuncia estes feitos, promovidos coa complicidade da Universidade de Santiago de Compostela, incumprindo os seus propios estatutos: Artigo 4.9 “A Universidade de Santiago de Compostela non colaborará no desenvolvemento de proxectos con fins armamentísticos ou bélicos, sen prexuízo do respecto á legalidade vixente”. A entrada do exército nas aulas, presentada como orientación profesional e laboral, non pode entenderse doutra maneira que como unha forma de colaboración directa coa maquinaria militar.

 

Este episodio non é un feito illado, pois insírese nun contexto máis amplo de escalada belicista, no que se está a normalizar e branquear un discurso militarista aproveitando os espazos educativos. Baixo a apariencia desta suposta orientación laboral, hai unha xustificación do aumento do gasto en “defensa” como forma de ampliar oportunidades laborais. O medre do gasto militar implicará, sen dúbida algunha, recortes a futuro no ensino. Esta é a súa forma de xustificalos.

 

Así pois, non estamos ante nada máis que propaganda. Estas intervencións responden a unha estratexia impulsada polo Ministerio de Defensa do Estado español, que introduce nas aulas galegas un discurso alleo á nosa realidade e aos nosos intereses co obxectivo de captar mocidade para a participación nun esforzo de guerra estatal, reforzando así o relato españolista e militarista.

 

Como estudantado galego, negámonos a que as aulas se convertan en espazos de adoutrinamento militar e españolista e condenamos rotundamente este acto e a compracencia da USC e da Facultade de Farmacia que o permitiron. A universidade debe ser un lugar de pensamento crítico, non unha plataforma ao servizo dos intereses bélicos do Estado. Iso é o que defendemos as estudantes organizadas.

Asinado, o Consello Nacional de Erguer.Estudantes da Galiza

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *