Alongar o Mestrado de Educación a dous anos é unha ameaza ao noso sistema de ensino público. A proposta, que vén da Conferencia de Decanos de Educación -organismo estatal – non se axusta nin ás necesidades que o ensino galego actual demanda, nin ás opinións e consideracións maioritarias de profesores e estudantes. Alén da a ampliación do mestrado até os 120 créditos, deféndese a limitación de prazas e o estabelecemento dunha proba de acceso obrigatoria e única a nivel estatal.
Erguer.Estudantes da Galiza rexeita totalmente este ataque que se lanza desde a CODE., Profesoras e estudantes de todo o país levamos décadas exixindo o descenso das ratios no ensino medio e na Formación Profesional. Todo este tempo, a Xunta negou esa reclama, mantendo o pulso pola precarización do ensino público. Agora, esta reforma do mestrado convertiríase na peza de perfecto encaixe para a ecuación: en vez de aumentar o número de profesores, restrínxese o número de graduados.
Na mesma liña, tampouco responde nin ás demandas que teñen expresado as propias estudantes que cursan ou xa pasaron polo mestrado, nin ás valoracións de profesionais xa dando aulas. Todas elas sinalan a pouca efectividade do mestrado na actualidade e pidena ampliación da parte práctica da formación para obter o título habilitanter. Con esta nova manobra véndennos que a única forma de conseguilo sería e engadindo un ano máis, pero tamén admiten que a ratio das prácticas non vai ascender por riba do 25% dos créditos. É dicir, tampouco representa unha mellora real nese sentido.
Así pois, a que intereses respondería este cambio? En primeiro lugar, complicar aínda máis a consecución deste título é un regalo ás Universidades Privadas, que seguen medrando alí onde retrocede a pública,. Ademais, afectaría os mestrados de investigación de moitas carreiras, especialmente nas humanidades, que verían a súa matrícula moi afectada.
Tamén sería unha grande vitoria para o organismo estatal que a promove e que actúa como consello supremo sobre a educación e o modelo de ensino. Por riba da realidade e situación concreta, ignorando opinións e críticas dos profesionais no terreo e cunha clara estratexia de homoxeneización do ensino a nivel estatal. A intención dunha proba de acceso única e obrigatoria xa nos demostra o desprezo pola formación concreta que require, por exemplo, o ensino en Galiza.
E para xustificar todo isto, emprégase a escusa da necesidade de formación psicopedagóxica do profesorado. Levamos anos demandando a mellora da atención á diversidade e as necesidades de apoio, respecto e igualdade de todas as estudantes galegas. Mais a solución a isto está nunha maior dotación de medios nos centros, que permita máis recursos, oferte materiais precisos e protocolos actualizados e garanta atención especializada de profesionais da psicoloxía e pedagoxía en cada centro.
Tratar de cargar esa responsabilidade ao corpo de profesores a través do mestrado é encubrir as verdadeiras eivas do noso ensino. Decisión negativa, inxusta e que ademais pagarían os milleiros de estudantes que puideran chegar a ser bos docentes pero que verán o seu futuro cortado por un cambio nas regras de xogo, feito por unha cúpula de decanos, que en nada mellorará o noso ensino.
Ante isto todo, só resta unha alternativa. Organizarnos para decidir nós o ensino que queremos, contando coa voz de todas. Para non ter que aceptar propostas alleas que van en contra dos nosos intereses. O ensino de Galiza, co que trazar o futuro á nosa frente será deseñado dende as nosas aulas.
Asinado, o Consello Nacional de Erguer.Estudantes da Galiza
