COMUNICADO PERANTE O ANUNCIO DA ”GRATUIDADE” DA MATRÍCULA UNIVERSITARIA E DE ESTUDOS ARTÍSTICOS
Dende Erguer.Estudantes da Galiza consideramos que a educación é un dereito universal e un ben público, que debe estar ao servizo das clases populares e servir para crear unha sociedade con pensamento crítico e capaz de construír unha sociedade de progreso. A educación debería ser un elemento que iguale en oportunidades e democratice a sociedade.
O recente anuncio do goberno do PP no noso país é unha mostra máis da súa práctica populista e demagóxica e do seu desinterese por facer unha política verdadeiramente útil para as estudantes das clases populares galegas.
Comezando polo feito de non ter en conta a situación socio-económica das estudantes. Xa que, condicionar a gratuidade a unha porcentaxe de aprobados (entre o 65 e o 90%), sen ter en conta a situación na que moitas estudantes viven (precarizadas, tendo que traballar, coidar á familia, etc.),supón unha barreira para aquelas estudantes con menos recursos. O mesmo sucede coas segundas matrículas que seguirán a prezos desorbitados castigando aínda máis ás que menos teñen, e tamén a aquelas estudantes que cursen carreiras onde é habitual non conseguir o aprobado á primeira.
É evidente a falta de interese en garantir o dereito á educación para a maioría social das estudantes galegas. Un dos principais problemas á hora de acceder a estudos superiores é o acceso á vivenda nas cidades universitarias, aquí vemos como a Xunta non intervén nin regulando os alugueiros, nin ofrecendo vivenda pública, nin prazas de residencias públicas suficientes. Lembremos que cada curso quedan milleiros de estudantes sen praza en residencias públicas cando cumpren os requisitos mínimos.
As axudas ao alugueiro amosáronse insuficientes non chegando a todas aquelas que as necesitaban, ademais da ineficiencia dos prazos de resolución. Viamos hai escasos días como a Xunta anunciaba que non había suficientes cartos para pagar unhas axudas que xa quedaran pendentes dende hai 2 anos.
Nós non queremos un goberno que se tire flores mentres moitas estudantes ven frustradas as posibilidades de rematar os seus estudos por non poder pagar un alugueiro, quedar sen praza nunha residencia pública, non poder estudar o suficiente por ter que traballar ou coidar de familiares ou non contar cos recursos necesarios para desprazarse ou vivir preto do seu centro de estudos. Dende Erguer.Estudantes da Galiza, seguiremos loitando por unha educación ao servizo das clases populares galegas, na que se camiñe cara a un sistema público capaz de garantir unha educación para a maioría social.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira