
Ante as declaracións de cinco alumnas da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, ERGUER condena o acoso sexual por parte dun docente que aínda está a impartir aulas cando un expediente da Universidade de Vigo demostrou que se trata dun patrón repetitivo e dun comportamento paternalista.
Este non é un caso illado nesta Universidade. Atopamos dende pintadas machistas, como na Facultade de Ciencias do Mar cara unha profesora ata a autoorganización das estudantes da Facultade de Belas Artes ante outro caso máis de acoso sexual nesta universidade.
Estamos fartas de que espazos que deberían ser seguros, sexan en realidade lugares onde se vulneran de xeito constante a liberdade e os dereitos das estudantes. Os actuais protocolos de prevención e actuación ante casos de abuso ou acoso sexual están completamente desactualizados e quedan na práctica inutilizados, silenciando e censurando ás vítimas.
En ERGUER. Estudantes da Galiza. queremos expresar o noso apoio ás estudantes da UVigo que foron vítimas non só destes docentes, senón tamén do sistema patriarcal que as invisibiliza e ignora. Non podemos permitir que ningunha violencia machista teña cabida nas aulas. A universidade debe ser un espazo seguro e libre de violencias machistas e, por iso, seguiremos loitando para que se destinen máis recursos á formación do profesorado e para que se renoven, melloren e sexan realmente efectivos os protocolos de acoso e violencia de xénero no ensino.
