Construíndo feminismo aula a aula
Como cada ano, este 8 de marzo desde Erguer. Estudantes da Galiza chamamos ás estudantes a mobilizarse contra o sistema patriarcal que afecta a todos os ámbitos da vida, tamén ao ensino.
É preciso que loitemos e nos organicemos para conseguir outro modelo educativo, antipatriacal e feminista que non permita que se sigan sucedendo violencias machistas dentro e fóra das aulas.
Polo simple feito de sermos mulleres, as estudantes temos que aturar o acoso machista de profesores e compañeiros, así como a discriminación sistémica que nos pon barreiras á hora de cursar determinadas carreiras ou ascender no ámbito académico.
As mulleres estamos invisibilizadas no ensino de forma sistemática. É preciso estudarmos o noso papel central na historia e non como un engadido ao temario ou desde un rol de subordinación ao home.
A maiores, todo isto trasládase ao ámbito laboral: non podemos acceder ao traballo en condicións de igualdade cos homes, a pesar da nosa formación; sufrimos acoso sexual no posto de traballo e temos un menor recoñecemento e acceso a postos de poder. Iso si, continuamos sostendo os coidados non remunerados, tanto a carga de traballo como a carga psicolóxica. Por isto é fundamental reivindicar o carácter obreiro co que naceu o 8M hai case 200 anos.
Desde Erguer temos claro que a loita contra o patriarcado comeza nos centros educativos mais, lonxe de rachar cos roles de xénero e a opresión que deriva destes, o sistema educativo perpetúaos transformando as aulas en espazos nos que se reproducen as violencias machistas.
É por isto que este 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, convocamos paros de dúas horas en todos os centros educativos galegos. Para loitar por un ensino feminista e liberador, que contribúa a combatir o patriarcado e non a perpetualo.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira