Contra a suba de prezos nas cafetarías, prezos reducidos e xestión pública

No contexto dun encarecimento xeralizado dos custos de vida, os prezos das cafetarías universitarias, reguladas pola propia institución, veñen de sufrir unha marcada suba. O prezo do menú ascendeu a 7,5€ desde os 6€ do ano 2021/2022: ou sexa, un incremento de 25%. Non é un feito isolado: o alugueiro medio, por exemplo, aumentou en 41% só desde 2017. Face a isto, é deber da organización do estudantado erguer a voz, visibilizar a problemática e propoñer alternativas.

ERGUER Estudantes da Galiza posiciónase contra a suba dos prezos nas cafetarías que fan parte da rede universitaria e propón unha alternativa segundo os intereses do conxunto dos estudantes.

1.Prezos reducidos: posibilitar que todos os estudantes teñan acceso a unha alimentación digna debe ser un dos principios reitores da Universidade. A propia existencia da rede de cafetarías e comedores universitarios é proba da súa importancia, mais os novos prezos constitúen un impedimento real para moitos: xantar tres días á semana na cafetaría supón un gasto de 90€ mensais. Esiximos a volta inmediata aos prezos anteriores e avanzar cara a un modelo de prezos reducidos, algo que xa é a norma noutras universidades do Estado e de Europa: na Universidad de Granada o prezo do menú é 3,5€. Nas facultades francesas, o prezo é de 3,3€. Propoñemos un modelo con menús a 5€ para todos os estudantes e a 2.5€ para os estudantes bolseiros.

2.Mellora no sistema de bolsas: É certo que a Universidade inviste xa unha cantidade non desprezábel en bolsas de manutención, os coñecidos Bonos Comedor, mais estes téñense mostrado insuficientes, deixando de lado o alumnado que máis os necesita. Dende Erguer vemos imprescindíbel que se mellore esta oferta, así como que funcionen en complementariedade cos prezos reducidos, como é o caso no estado francés.

3. Alimentos de calidade : parte fundamental de garantir o dereito a unha alimentación digna é que os produtos sexan de calidade: serven de pouco os prezos reducidos se os alimentos son malos, e esta condición non se cumpre en parte das cafetarías universitarias. A USC debe estabelecer un control da calidade máis estrito e favorecer a interrelación do sistema de comedores universitarios co sector primario galego, creando deste xeito unha simbiose entre os dous.

4.Xestión pública do sistema de cafeterías: avanzar nos puntos anteriores é difícil sen unha mudanza de fondo no funcionamento do sistema de cafeterías. Actualmente, as cafeterías son xestionadas a través de concesións a empresas privadas que deben necesariamente obter un lucro da súa xestión: o obxectivo principal, por tanto, non é garantir o dereito á alimentación do estudantado, senón retirar unha marxe de beneficio axeitada. A xestión privada encarece e empeora o servizo: dentro do prezo do menú, a empresa debe non só encontrar oco para (A) o custo dos alimentos e a infraestrutura, senón tamén (B) para o traballo do persoal e, aínda por riba, (C) a marxe de beneficio. A xestión pública, pola contra, só debe garantir os dous primeiros, e permite por tanto reducir os prezos, aumentar o investimento na calidade do produto e mellorar as condicións laborais dos empregados. Noutras palabras, a xestión pública das cafetarías posibilita funcionar a prezo de custo, mentres que a xestión privada non.

A USC goza dunha oportunidade excelente, neste momento, para tomar a xestión directa das cafetarías que non encontran concesión, como a do Burgo das Nacións. Este debe ser un primeiro paso antes de recuperar a xestión directa das demais cafetarías segundo esgoten as concesións. ERGUER.Estudantes da Galiza solicita aos órganos de goberno da USC que avancen no cumprimento destes catro compromisos, lembrándolles que atender as necesidades do estudantado debe ter absoluta prioridade sobre as esixencias das empresas concesionarias.

Por outra parte, ERGUER chama os estudantes a se mobilizaren, non só para evitaren un novo retroceso senón para avanzaren en positivo: construír unha Universidade mellor é posíbel, pero esixe cohesión e mobilización.

ERGUER. Estudantes da Galiza

Compostela, novembro de 2023

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará