Da memoria obreira á folga estudantil

Hoxe, 10 de marzo, reivindicamos o Día da Clase Obreira Galega lembrando os asasinatos de Amador Rei e Daniel Niebla no ano 1972 a mans da policía franquista. Dous obreiros sindicalistas que loitaban pola mellora das súas condicións de vida e das dunha clase historicamente explotada e oprimida polo sistema capitalista imposto polas elites económicas e políticas. A represión que acabou coas súas vidas non foi un feito illado, senón a expresión máis crúa dun Estado que, tanto o século pasado coma neste, actúa como garante da orde social e económica que beneficia ás clases dominantes.

54 anos despois vemos como moitos dos conflitos que eles viviron seguen a perpetuarse, agora baixo o marco dunha suposta democracia que non cuestiona as estruturas fundamentais de explotación e dependencia. As estudantes somos testemuñas de como o capitalismo avanza na senda do neoliberalismo tamén no ámbito do ensino, deixando caer lentamente os servizos públicos mentres se erixen novas universidades privadas, centros concertados e institucións educativas sometidas á lóxica do beneficio.

Vemos tamén a implantación da FP Dual por todo o país, convertendo a formación da mocidade nun instrumento máis de creación de man de obra barata ao servizo das necesidades do capital. Ao mesmo tempo, moitas estudantes vémonos obrigadas a aceptar condicións de vida indignas, vivindo en espazos minúsculos e pagando alugueiros abusivos mentres as administracións se negan a construír residencias públicas suficientes para o estudantado e mentres o acceso a unha vivenda digna ou a un transporte público axeitado segue a ser cada vez máis difícil.

A opresión que exerce o capitalismo sobre o estudantado non só se perpetúa a través da precarización e da privatización do ensino, senón tamén mediante a limitación das ferramentas de loita da mocidade. O dereito ao paro estudantil atópase cada vez máis cuestionado e limitado por un entramado legal que busca desactivar a capacidade de organización do estudantado. Cómpre lembrar a coñecida Lei Mordaza, aprobada polo goberno de Mariano Rajoy, que reforza os mecanismos de control e represión sobre quen se mobiliza, criminalizando a protesta social e fortalecendo o papel dos aparellos represivos do Estado, unha lei coa que a esquerda española soubo convivir e que se mantivo activa durante anos.

Cómpre falar tamén da LOSU, que baixo unha aparente democratización das universidades introduce estruturas de representación como os consellos de estudantes, organismos pensados para burocratizar e desactivar o conflito, canalizando a mobilización a través de estruturas institucionais pouco funcionais. En moitos casos estes mecanismos serven para desconvocar ou deslexitimar as mobilizacións estudantís, como xa vimos en diferentes ocasións, por exemplo na UDC o pasado ano co paro convocado por Erguer en solidariedade co pobo palestino.

Ao mesmo tempo, asistimos a un contexto internacional marcado polas guerras e polos intereses do capital. O imperialismo continúa intervido en diferentes partes do mundo para manter o seu dominio económico e político, mentres nos estados europeos, incluído o español, asistimos a un aumento do militarismo. Este proceso non só contribúe a normalizar o españolismo e a presenza das estruturas militares na Galiza, chegando mesmo a darse espazo a militares e a palestras militares nas universidades,  senón que tamén implica unha desviación crecente de recursos públicos cara ao gasto militar en detrimento de ámbitos fundamentais como a educación, a sanidade, a vivenda, o transporte ou a investigación.

As consecuencias destas políticas recaen directamente sobre a mocidade: saídas laborais cada vez máis incertas, empregos máis precarizados e servizos educativos cada vez máis deteriorados, mentres os salarios non chegan para facer fronte á constante suba dos alugueiros e do custo da vida.

Mais nós, as estudantes nacionalistas galegas, non imos ficar caladas mentres nos privan dun futuro. Non imos aceptar un sistema educativo pensado para servir ao capital nin unha realidade política que condena ao noso país á dependencia e á explotación. Somos parte do pobo traballador galego, e como tal asumimos tamén a responsabilidade de organizarnos e loitar pola transformación desta realidade.

Por iso chamamos ás estudantes a mobilizarse neste 10 de marzo, sumándose ás mobilizacións convocadas polo sindicato maioritario da clase traballadora galega, a CIG, mantendo viva a memoria e a loita da clase obreira galega.

E por todo isto convocamos o paro total do estudantado galego o vindeiro 15 de abril, nunha xornada de mobilización que debe marcar un punto de inflexión na loita contra o sistema que nos explota e nos oprime.

Porque a loita da clase obreira galega continúa tamén nas aulas.

15 de abril, folga estudantil

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *