Día da patria galega

Hoxe, como cada ano, as estudantes nacionalistas e independentistas celebramos o 25 de xullo, Día da Patria Galega, loitando polo ensino que precisamos na Galiza que queremos.

O noso sistema educativo non só é servo do capital e da máis absoluta mercantilización, senón que tamén procura a españolización do alumnado. No ensino medio cada vez recibimos menos horas de docencia en galego, na universidade o noso idioma é directamente case inexistente, o Estado asume a través da LOMCE competencias en materia de educación que correspondían á Xunta e os contidos que estudamos están con esta nova lei moito máis uniformizados a nivel estatal, co que se consegue que nas aulas apenas aprendamos sobre a nosa propia historia.

Somos conscientes de que o noso ensino precisa unha mudanza radical para ser realmente un espazo pedagóxico e de formación crítica, sen aulas masificadas e no que poidamos aprender no noso idioma. Ningunha lei como a LOMCE, nin como o pacto educativo entre as forzas políticas españolas que apunta a ser un mero refrito desta, pode achegarnos a ese obxectivo. Sabemos que a única opción posíbel é a aposta firme e clara por unha Lei Galega de Educación, integral para todos os niveis educativos, elaborada mediante a participación directa da comunidade educativa e deseñada após unha coidada análise das problemáticas que afronta o noso ensino e de como podemos darlles resposta.

Como estudantes nacionalistas e independentistas, sabemos tamén que acadar un modelo educativo que se corresponda de xeito íntegro co que a mocidade precisa pasa obrigatoriamente porque este se dea no marco dunha Galiza soberana. É esa a forza que nos move para loitarmos cada día por un ensino de noso; é o que vemos cando ollamos cara ao futuro e o que hoxe nos chama a tomar as rúas de Compostela reivindicando este día que, como clase traballadora galega, nos pertence.

Galiza ceibe, poder popular!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará