
O próximo 12 de febreiro celébranse as eleccións a Xuntas de Facultade e Claustro da Universidade de Santiago de Compostela. As estudantes organizadas en Erguer encaramos isto da única forma posíbel: buscando un novo modelo de Universidade.
Condensar todas as loitas sociais e reunilas nunha voz.
Hoxe seguimos a loitar contra a privatización. Na fase neoliberal do capitalismo, a ofensiva privatizadora acelerouse tras a pandemia de 2020, nunha estratexia de desmantelamento do público e reforzo do privado que afecta ao ensino e entrelázase co transporte e a vivenda. Proxectos privados que solapan graos e mestrados coa oferta pública, exclúen o galego e medran co beneplácito institucional; infrafinanciación das universidades públicas, degradación de servizos, peche de titulacións estratéxicas (coma o mestrado de matemáticas), dependencia de intereses privados e endebedamento estudantil en aumento, coma o que sofren as estudantes de Traballo Social por non convertelo nun grao público. Isto empobrece a investigación en galego e desgaleguiza a universidade. Queremos máis prazas nas residencias públicas. Debemos condensar todas as loitas sociais e reunilas nunha voz para mudar o propio esquelete da Universidade Pública: democratizala, facela accesíbel, feminista e que sirva aos intereses da sociedade. O Ensino Universitario está sendo o cabalo de batalla do capital: cuestións e dereitos queer eran esenciais, agora xa non o son. O colectivo desdebúxase e os dereitos desaparecen en favor da competitividade disfrazada de preocupación por un mesmo. Nós opoñémonos a iso. A Universidade debe ser unha institución do saber que busque preparar o conxunto da sociedade para os retos colectivos que temos, non un trámite de paso para conseguir un título e convertirnos en man de obra barata.
Estar onde se decide, mais construír en cada aula.
Carece de sentido que non esteamos onde se deciden cuestións que nos afectan, algo que lle convén moito a quen quere seguir implementando as últimas reformas en materia de educación. Estar onde se decide é imprescindíbel para frear os recortes e a intromisión da privada. A Universidade fai unha labor de maquillaxe cos debates sociais da actualidade, mais as súas raíces son as mesmas. Fronte a isto, debemos facer chegar unha acción despatriarcalizadora, democratizadora e que esnaquice o actual modelo. Calquera cambio só pode nacer de colaborar, apoiarse mutuamente, tecer novas formas de relacionarnos, rematar co individualismo e a competitividade e contar coa forza do colectivo. Para construírmos un ensino público, galego, feminista, democrático, laico e científico pedímosvos elixir as candidatas que se presentan por Erguer o próximo día 12.
