En defensa da universidade pública e de calidade
Non á Universidade privada na Galiza!
O Goberno da Xunta continúa coas súas políticas de privatización e elitización do ensino, promovendo unha universidade privada no noso país. O proxecto da “Universidad Interconental de la Empresa” impulsado por Abanca é a culminación do proceso de mercantilización e desmantelamento da Universidade pública que vivimos nos últimos anos.
Está previsto que esta universidade inicie a súa actividade no curso 2020-2021, ofrecendo estudos relacionados coas ramas de Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura. Esta entidade entrará en competencia coa universidade pública galega, ofrecendo titulacións unicamente a quen poida pagar por elas e inseridas por completo no pensamento neoliberal.
Fronte este modelo elitista e ao servizo das grandes empresas, dende Erguer reivindicamos unha Universidade accesíbel para todas. Demandamos un ensino adaptado á nosa realidade e que dea resposta ás necesidades da sociedade galega. A Universidade debe entenderse como centro de saber, de expansión do pensamento crítico, e portadora dunha función de contribución ao progreso social e non como unha ferramenta do modelo capitalista.
Por todo isto, chamamos a participar nas mobilizacións convocadas o vindeiro 11 de febreiro ás 11hen todos os campus pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira