Erguéndonos polo ensino público galego

Perda da democracia, mercantilización, machismo, adoutrinamento, españolización, precariedade, elitismo, especulación, explotación, subordinación aos intereses capitalistas. Isto é o que traen consigo o Decreto do 3+2 e máis a LOMCE. Isto é contra o que a organización unitaria do estudantado galego, Erguer. Estudantes da Galiza, sae este mércores trece de abril ás rúas de 18 cidades e vilas de todo o país.

Estamos a vivir os anos de maior retroceso para o ensino público na Galiza, camiñando cara a unha crecente privatización que configura unha educación só accesíbel para as elites, na que as fillas das traballadoras non temos cabida. A permanente escusa da homoxeneización con Europa que xa se esgrimira co Plan Boloña volta ser a xustificación para reducir os graos de catro a tres anos, convertíndoos nunha formación moi xenérica de obrigada complementación con mestrados, agora de dous anos de duración, que de media dobran o prezo de matrícula dos graos.

Este desmantelamento do ensino público vén acompañado de constantes ataques ao ensino en galego e ao estudo da nosa realidade propia, con contidos cada vez máis uniformizados. O estado español emprega o ensino para adoutrinar a mocidade galega na indiscutíbel “unidade de España” e no recoñecemento do español como  lingua propia, porque a opresión cara ás nacións é o alicerce fundamental para este sistema.

Mais agora, as estudantes da Galiza afrontan isto dun xeito máis organizado e unido, a través dunha estrutura nacional que dará resposta ás problemáticas existentes tanto no ensino medio coma no universitario na Galiza, así como aos ataques cara a nosa lingua.

A primeira resposta que dará Erguer. Estudantes da Galiza ás imposicións españolas e europeas será este mércores 13 de abril, mediante esta folga estudantil e as múltiples mobilizacións que virán con ela en todo o país, e para ela precisaremos de aínda máis unión, de aínda máis estudantado e de aínda máis forza para saírmos xuntas á rúa e berrarmos NON Á LOMCE E NON AO 3+2!

 

Artigo de Iria Figueroa publicado no Sermos Galiza

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará