ERGUER E GALIZA NOVA, DENUNCIAN A PRECARIA SITUACIÓN DAS TRABALLADORAS E DO SERVIZO DE VITRASA

Desde Erguer. Estudantes da Galiza e Galiza Nova Vigo amosamos a nosa máxima preocupación perante a grave situación do transporte urbano no Concello de Vigo. Desde hai dous anos, o servizo de Vitrasa leva padecendo un conflito laboral entre os traballadores e traballadoras coa empresa do Grupo Avanza, pola negativa desta a negociar un conxunto de condicións laborais dignas para o seu persoal. Da xuntanza que mantivemos Erguer e Galiza Nova co persoal afectado de Vitrasa, destacamos as súas principais reivindicacións como a renovación do convenio colectivo, actualmente caducado, a actualización dos seus salarios para evitar a perda de poder adquisitivo, e o respecto polos descansos obrigatorios precisos para a nosa seguridade como usuarias, entre outras.

Para Erguer e Galiza Nova, o estudantado e a mocidade que facemos vida en Vigo non podemos seguir aturando a situación de paros polo conflito laboral, uns paros que están a afectar gravemente ás nosas vidas pola odisea que supón o simple feito de nos movermos con normalidade pola cidade de Vigo. Ademais, para alén destes paros, nos últimos anos vimos como Vitrasa vén de reducir varias liñas e numerosas frecuencias, o que se acaba traducindo en peores horarios e, en definitiva, nun dano directo contra o estudantado e a mocidade. Exemplo disto puidemos velo coa eliminación de varias liñas de bus nocturno, ficando só a N1, ou coa fusión das liñas 8 e 9A, na famosa “liña A”, as cales tiñan destinos tan importantes para a mocidade como son a Universidade e o aeroporto. Neste sentido, queremos reivindicar a importancia de dispormos de liñas nocturnas que nos permitan desenvolver o noso ocio con seguridade, sen termos atrancos na nosa mobilidade durante as noites. Así mesmo, precisamos dun servizo de lanzadeiras que mellore substancialmente a comunicación directa coa Universidade, a cal se sitúa a 20 km do centro da cidade. Tamén queremos denunciar a precarización do servizo, pois en moitas ocasións non cumpre, nin sequera, cos insuficientes horarios marcados, como está a acontecer, por exemplo, co estudantado dos institutos da contorna do Meixoeiro. Outras das cuestións que nos preocupan é a discriminación que sofre o estudantado de ensino medio a respecto dos prezos de Vitrasa. Non é compresíbel que o estudantado non universitario non dispoña das mesmas bonificacións que o universitario, en canto están a pagar máis un 27% do que correspondería coa eliminación desta fenda, así como a diferenza coa tarifa estándar é de tan só 2 céntimos.

No entanto, máis alá da reivindicación contra os recortes dos últimos anos, e atendendo á realidade dunha extensa cidade como Vigo, desde Erguer e Galiza Nova queremos reivindicar, non só a recuperación do servizo recortado, senón avanzarmos cara un modelo de mobilidade con frecuencias continuadas. Un modelo que permita movernos con normalidade sen termos que facer grandes agardas que mingüen o noso tempo. Así, exiximos unha revolución no transporte urbano de Vigo, que dea posibilidades á mocidade e ao estudantado para se desprazar en tempo e libremente aos seus centros de traballo e de ensino, ou ás quedadas coas súas amizades sen importar nin o onde nin o cando.

Por suposto, como organizacións nacionalistas e de esquerdas, preocúpanos o papel que está a xogar o Concello de Vigo no conflito laboral entre os traballadores de Vitrasa e o grupo Avanza. Desde Erguer e Galiza Nova non podemos entender por que o goberno de Abel Caballero está a ser cómplice directo da precarización en Vitrasa e reivindicamos, máis unha vez, que exerza as súas competencias para solucionar este conflito. Por solidariedade de clase,amosamos toda a nosa solidariedade cos traballadores e traballadoras de Vitrasa na súa reivindicación por estas condicións laborais dignas.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará