FOLGA POLA VIVENDA 9/04/2025

O modelo organizativo de Erguer: notas a partir do 9A

O día 9 de abril decorreu unha xornada de folga estudantil nacional polo dereito á vivenda, en que Erguer participou como organización convocante. Tratouse da primeira folga multilateral en sete anos, algo que a organización valora como positivo. Porén, a organización da campaña confrontou modelos diversos de organización. Neste texto de análise analizamos o modelo organizativo que defendemos desde Erguer 

  1. Modelo organizativo

Planificación temporal e territorial

A planificación é fundamental para organizar unha folga exitosa. Así, a celebración dunha convocatoria apresurada, sen un traballo de análise e organización previa, debilita do noso punto de vista a viabilidade do traballo. Por outra banda, é importante que a planificación sexa adecuada tamén a nivel territorial, é dicir, levando o traballo a todos os campus do país e atinxindo o ensino medio e profesional.

O modelo de comités abertos

O modelo organizativo por comités é, para Erguer, ineficaz. Tamén o é separar a convocatoria de folga e de manifestación, dando lugar á absurda situación de que o programa da folga e o programa da manifestación garden diferenzas, ás veces, profundas

Cómpre alén diso refutar a idea de os comités constituíren un modelo máis democrático: non existe prestación de contas, na práctica, sobre os posicionamentos dos delegados eleitos. Tampouco ten nada de democrático abrir a porta á modificación do programa de folga cando esta xa está convocada e en percurso, moito menos en asembleas non representativas do conxunto do movemento. Que ten isto de democrático? Por outra banda, cando se dialoga entre organizacións, cómpre cuestionar se é lexítimo colocar no mesmo nivel e dar o mesmo voto a organizacións estudantís nacionais e asociacións gremiais locais. 

  1. A armadilla da unidade

O concepto abstracto de unidade

Os cantos de serea da unidade estudantil son cíclicos. O concepto abstracto de unidade implica, na práctica, renunciar aos nosos símbolos e perspectiva nacional. A retórica da unidade é unha armadilla da que cómpre fuxir. Erguer é unha organización estudantil nacionalista nun país onde a contradición principal é a que enfronta  españolismo e nacionalismo. Non hai conciliación posíbel co españolismo. Erguer pula por outro tipo de unidade: a unidade estudantil nacional- popular.

Erguer, por outra banda, ten un proxecto propio e lexítimo, e ten o dereito de o presentar e socializar entre o estudantado. Cando a chamada á unidade implica silenciar o noso proxecto estamos, novamente, ante unha armadilla. Isto, porén, non exclúe a posibilidade de traballar conxuntamente con outras organizacións. Sempre que se faga desde unha perspectiva antiespañolista, a cooperación é imprescindíbel nun momento de desmobilización e apatía estudantil. 

A aposta polo espontáneo

A invisibilización das organizacións e a retórica da unidade é tamén a aposta polo espontaneísmo. A espontaneidade demostrou ser, unha e outra vez, incapaz de soster as loitas a longo prazo, a pesar dos éxitos puntuais. Sen un proxecto firme, sen organizacións que canalicen e sexan vangarda no conflito, o espontáneo está condenado ao fracaso cíclico. Erguer non aposta por ese camiño.

  1. O programa

Ausencia de programa claro

Unha campaña de folga debe servir, tamén, para ideoloxizar o estudantado, transmitindo unha análise e unha proposta clara. A mobilización é o produto final dese traballo de concienciación. Saír á rúa sen realizar esa tarefa pode resultar nun éxito momentáneo, pero é un fracaso político se o obxectivo é organizar e trabar unha loita a medio e longo prazo. 

O mimetismo españolista

A crise da vivenda afecta as clases traballadoras de grande parte do mundo capitalista. Nese sentido, é un problema internacional. Porén, configúrase de xeitos diversos e precisa unha análise e resposta social que se adecúe ao contexto de cada pobo. 

Cómpre evitar o mimetismo españolista, ou sexa, asumir de maneira acrítica un discurso importado de España e que non atende a ningunha das peculiaridades nacionais. Na Galiza, a estagnación demográfica é un feito diferencial. Tamén o é o enorme número de vivendas baleiras e o fenómeno do rendismo popular. Unha proposta política que desatenda eses factores non pode ir á raíz do problema.

Baixo as chamadas á unidade de certos sectores autodenominados internacionalistas escóndese, en realidade, o españolismo. O marco de loita galego é rexeitado por divisivo, pero asúmese un marco español que non se pretende trascender. 

O dereito colectivo prevalece sobre o individual

A xornada de folga decorreu de maneira normal, con excepción de piquetes que excederon o previsto nalgúns centros de Compostela. É imporante lembrar que o dereito colectivo á folga está por riba do dereito individual á asistencia á aula. Porén, cómpre tamén cuestionar a lexitimidade a facer prevalecer o dereito colectivo nunha campaña que foi mal socializada e cunha mínima introdución entre a maior parte do estudantado. 

O piquete forma parte da folga, pero é unha ferramenta que cómpre usar con responsabilidade e sempre tras analizar se foi realizado o traballo necesario e conducente ao exercicio do dereito colectivo á folga.

Asina:

Consello Nacional de Erguer

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará