Fóra machistas da universidade! Fóra Luciano!
No pasado mes de febreiro coñecimos o caso do profesor Luciano Méndez, quen durante repetidas ocasións cuspiu comentarios machistas contra unha alumna polo feito de levar escote. Seis meses despois dos acontecementos a USC estableceu no día de onte unha sanción de suspensión de soldo e emprego por tan só dous meses.
Se xa a propia actitude sería para unha sanción moito maior, o profesor emitiría un comunicado no que se recolle o seguinte: “A testosterona é unha hormona complicada, pode ser unha aliada que estimule e motive e pode ser tamén o peor dos inimigos, que faga o varón vulnerable e débil. Controlala, manexala en beneficio propio é labor de toda unha vida.”
Con estas palabras, pretendía o profesor Luciano eximirse de toda responsabilidade, comentarios que de ser escoitados sen coñecer o contexto da situación podrían asociarse sen problemas aos dun violador.
A principal función dun profesor é ser un exemplo a seguir, unha fonte de coñecementos para aquelas que van recibir formación ás súas aulas, e como vemos, a actitude de Luciano dista moito de cumprir tal función. Non podemos permitir que nos centros educativos do noso país exerzan como docentes individuos deste calado. Persoas que como homes consideran que poden dicir o que lle veña en gana, vexando e menosprezando ás alumnas.
Desde Erguer. Estudantes da Galiza rexeitamos a sanción imposta ao profesor Luciano Méndez e esiximos que sexa expulsado da Universidade de Compostela a efectos inmediatos. Se aspiramos a ter unha sociedade onde o patriarcado estea erradicado non podemos permitir nin a menor actitude machista nas aulas do país.
ANTE O ATAQUE DO MACHISTA, RESPOSTA FEMINISTA!
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira