Manifesto 25A

Nos últimos anos, as estudantes deste país fomos vendo como se suceden repetidamente e sen case ningún tipo de contestación, multitude de ataques ao ensino público galego. Ataques que repercutiron de cheo sobre todas nós, deteriorando a calidade dos nosos estudos e das nosas vidas. Hoxe estamos aquí para deixar ben claro que non imos ficar caladas mentres fan anacos o noso ensino.

O avance da privatización en todos os niveis educativos no noso país é claro e alarmante, véndose reflectida en numerosos aspectos e afectándonos a todas as estudantes.

En primeiro lugar a universidade afronta unha privatización encuberta por dúas vías. A primeira, a nova lei educativa, a LOSU, aprobada polo actual goberno para entregar as universidades ás grandes empresas e bancos. Con esta nova lei a universidade privada competirá deslealmente coa pública. Por unha banda porque a pública padece a infrafinanciación da Xunta, non pode aumentar o número de prazas e pola existencia dun sistema de bolsas deficiente e minguante. Pola outra, a universidade privada conta cos recursos económicos de grandes empresas e bancos, que a usarán como un negocio máis, cobrando até 10.000€ por curso. Resulta un modelo prexudicial para a maioría traballadora.

A segunda vía, a apertura por parte de ABANCA da primeira universidade do País en contra do criterio unánime da comunidade educativa e universitaria constitúe un novo ataque á universidade pública galega. Esta universidade ofertará graos que xa existen no ensino público (o cal é ilegal), exclúe o galego da formación, o profesorado non cumpre os requisitos de formación esixidos por lei, ten uns prezos desorbitados para a maioría traballadora, e ten como único fin o de facer negocio co alumnado para beneficio dun banco. Non serve ao desenvolvemento do País nin das estudantes. Esta universidade ilegal só se explica como un agasallo do Partido Popular aos seus amigos de ABANCA.

A reorganización da FP na rama básica e na dual responde aos intereses empresariais de contar con man de obra barata, ficando en segundo plano a aprendizaxe do alumnado. Déixase de ofrecer unha formación como tal para incorporar directamente o alumnado á cadea de produción. Asentando un modelo con maiores taxas de explotación e de control das empresas sobre as estudantes. Son habituais os abusos do alumnado en prácticas, usados como man de obra barata, así como a precarización e explotación da mocidade que se incorpora ao mercado laboral. A aprendizaxe práctica non pode ser unha saída de segunda na nosa formación. Reclamamos unha Formación Profesional de calidade ao servizo dun futuro digno na Nosa Terra.

O ensino medio tamén avanza a pasos axigantados cara a privatización e a desgaleguización do alumnado, ambas amparadas pola aprobación da LOMLOE, que non é máis que a LOMCE cun lavado de cara. Continúa favorecendo a aparición de centros privados e concertados, mentres que centros de ensino públicos sofren recortes e precarización da calidade educativa ou mesmo se vén na obriga de pechar (sobre todo no rural). A nosa historia é deliberadamente ocultada e retirada dos curriculums de secundaria e bacharelato, así como a presenza e aprendizaxe da nosa lingua, que cada vez se ven máis afectadas polas políticas desgaleguizadoras no ensino. Ademais, na pública, o estudantado de ensino medio segue a sufrir as consecuencias físicas e psicolóxicas da pandemia, nun ensino sen recursos para afrontar as necesidades educativas e vitais do seu alumnado.

Outro dos grandes pasos en detrimento da calidade do ensino foi a crise xeneralizada de prezos que estamos a sufrir nestes últimos tempos, afectando ás estudantes con especial crueza. Os prezos dos alugueiros subiron, nalgúns casos máis de 100 euros dende o ano pasado, mentres os alimentos e os bens básicos adquiren prezos cada vez máis inasumibles. Fronte a isto, temos bolsas de estudos escasas e insuficientes que non dan para cubrir as nosas necesidades. Isto empobrece ás estudantes, deixándoas na corda frouxa e obrigando a moitas a abandonar os seus estudos. O que supón un atentado contra a igualdade de oportunidades, que debería ser un piar básico dun ensino democrático e popular. Un retroceso deste calibre no acceso e continuidade dos estudos superiores supón un afondamento inaceptable nun ensino cada vez máis elitista, máis privatizador e menos igualitario.

Por todas estas razóns, e moitas outras, desde ERGUER reclamamos un ENSINO EN GALEGO, PÚBLICO E DE CALIDADE a través dunha LEI GALEGA DE EDUCACIÓN. Unha lei deseñada pola comunidade educativa, pensada e concibida dende Galiza para o seu estudantado, é a oportunidade para reverter as políticas lingüicidas e privatizadoras e construír un novo modelo de ensino:

Queremos un ensino ACCESÍBEL PARA TODAS, coa supresión das desorbitadas taxas universitarias e tarifas das probas de avaliación, oferta de libros de texto de forma gratuíta, bolsas de estudos suficientes e que cheguen a todas as estudantes que pola súa condición económica as precisen, así como recursos para o alumnado con necesidades especiais. A educación non é unha mercadoría, nin un negocio. É un dereito que temos que defender.

Queremos un ensino EN GALEGO, porque o modelo actual supón unha agresión ao noso idioma que non podemos consentir, reducindo no ensino medio cada vez máis as horas impartidas en galego fronte ás impartidas en castelán. Na universidade a situación é aínda máis dramática, sendo o galego unha lingua residual e esquecida pola meirande parte do profesorado, poñendo trabas ao estudantado para examinarse, comunicarse e desenvolverse con liberdade no seu idioma. Necesitamos unha lei de educación que defenda e recoñeza a nosa lingua como tal.

Queremos un ensino DE CALIDADE, cun aumento REAL da partida orzamentaria para a educación, porque o ensino é un servizo e non un privilexio para as clases altas e porque unha educación en condicións debería ser unha prioridade social para calquera sociedade democrática. Necesitamos unhas instalacións dignas, un material actualizado e en bo estado e a eliminación inmediata dos recortes no profesorado, para que se poidan satisfacer as demandas do alumnado contribuíndo a unha educación máis completa e de máis calidade.

Queremos un ensino FEMINISTA, que ningún centro poida segregar por cuestión de xénero, que a igualdade sexa un piar fundamental na educación, e que máis alá de ser tratada en materias específicas sexa unha competencia transversal en todos os niveis educativos. É necesaria unha educación afectivo-sexual, así como protocolos e formacións para o profesorado dos centros de ensino para poder desterrar os comportamentos, comentarios e actuacións machistas e patriarcais, construíndo un ensino seguro e igualitario para todas. Porque hoxe o estudantado da Galiza ten claro que o noso ensino será feminista ou non será!

Queremos un ensino DEMOCRÁTICO, cunha lei galega de educación que lles outorgue aos Consellos de Goberno, aos Claustros Universitarios e aos Consellos Escolares máis competencias, e que neles se dea unha representatividade máis equitativa e efectiva do alumnado, e que teñan un funcionamento máis democrático. É esencial que sexa a nosa comunidade educativa, e non a patronal, a que escolla os cargos educativos, coa transparencia e cariz democráticos que queremos en todas as institucións educativas.

E queremos un ensino PENSADO POR E PARA A GALIZA, cunha lei galega de educación que nos devolva as competencias sobre o noso ensino, pois precisamos ser coñecedores da nosa historia e da nosa realidade dende as aulas, rachando coa uniformidade españolizadora e estatal que impuña a LOMCE. Queremos unha lei de educación elaborada contando con toda a comunidade educativa galega.

Por todo isto, hoxe todas nós baleiramos as aulas dos nosos centros de ensino e enchemos as rúas. Dende Erguer, Estudantes da Galiza estamos fartas, FARTAS de termos que aguantar unhas condicións máis difíciles cada día, FARTAS de non poder usar a nosa lingua con normalidade nas aulas, FARTAS da precarización, FARTAS da desigualdade de oportunidades e FARTAS de leis educativas que nin responden nin atenden ás nosas necesidades.

Por iso hoxe estamos aquí, porque a organización e a loita son o único camiño para que nos escoiten, e seguiremos saíndo ás rúas e berrando xuntas para construír o ensino que queremos: público, galego democrático e de calidade; laico, científico, feminista e igualitario!!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará