María Victoria Moreno será a homenaxeada nas Letras Galegas 2018

María Victoria Moreno, profesora de ensino medio e escritora de literatura infantil e xuvenil, será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2018.

Desde a Asemblea Nacional de Acción Feminista de Erguer. Estudantes da Galiza vimos reivindicando por dous anos consecutivos o Día das Letras Silenciadas no 17 de maio. Mediante o mesmo, denunciabamos que en 54 anos de conmemoración do Día das Letras Galegas, só tres mulleres fosen escollidas pola RAG para seren homenaxeadas, fronte a 51 homes.

É este un ámbito máis no que as mulleres estamos invisibilizadas e esquecidas, no que os nosos méritos contan menos polo feito de sermos mulleres e no que fomos borradas da historia.

Este ano, co noso Día das Letras Silenciadas, ademais de despregarmos unha faixa e dar lectura a fragmentos escritos por diversas autoras galegas antes da manifestación do 17 de maio, sacamos adiante a iniciativa #AMinNonSeMeHomenaxea. Con ela, enchemos as rúas de Compostela destes textos, e reclamabamos un Día das Letras Galegas 2018 dedicado a unha autora muller.

Celebramos que María Victoria Moreno sexa a autora homenaxeada o próximo ano, e agardamos que non fique nunha anécdota e que continuemos a poñer en valor o papel das nosas autoras na literatura galega e na historia do noso País.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará