NAS RÚAS E NAS AULAS, CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
Neste 25 de novembro, como cada ano, mobilizámonos para avanzar na construción dunha sociedade xusta e transfeminista.
As estudantes das clases populares vemos como a violencia de xénero é un problema sistemático, presente no noso día a día cun sistema educativo e unhas redes sociais que perpetúan os roles de xénero e a opresión que deriva destes.
Na actualidade as aulas continúan a ser un espazo inseguro, mostra dun modelo de ensino que falla en garantirnos os dereitos máis básicos. Por iso reivindicamos a necesidade de protocolos de actuación eficientes e mecanismos de prevención ante as agresións machistas.
Ademais, ante o aumento da lgbtifobia, reclamamos un ensino que contemple a realidade das mulleres trans. Cun sistema educativo que respete os seus nomes e pronomes.
Por outra banda, estamos a contemplar como determinadas plataformas dixitais e redes sociais, que teñen un maior impacto na mocidade, fomentan a mercantilización dos nosos corpos como outro produto de consumo máis. Os efectos das mesmas están plenamente presentes no día a día das escolas e institutos, cunha mocidade cada vez máis condicionada polas redes sociais e as novas tecnoloxías. A pesar disto, continuamos tendo un profesorado con escasos coñecementos sobre fenómenos de acoso ou violencias por redes e protocolos de actuación igualmente desactualizados. O ensino que temos descoñece a realidade das súas estudantes e non está preparado para afrontar as necesidades que teñen.
Por todo isto destacamos a importancia da aplicación transversal do principio de igualdade no ensino, demandamos que se destinen máis recursos á formación do profesorado en materia de igualdade e violencia de xénero e que se amplíen, renoven e melloren os protocolos de acoso e violencia de xénero no ensino.
Dende Erguer temos claro que o feminismo organizado é a única forma para combater a violencia machista. Continuamos na loita por un ensino transfeminista, liberador e libre de violencias.
Nas rúas e nas aulas, contra a violencia machista!
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira