Non estudamos para encher as súas trincheiras

O vindeiro sábado 30 de maio é día de San Fernando, estatalmente celebrado como o Día das Forzas armadas, data na que o exército exhibe o seu músculo, facendo alarde do que o españolismo denomina “espírito nacional”. Este 2026, esta celebración trasládase á cidade de Vigo, a máis poboada do noso país, Galiza. Numerosos tanques, cazas, soldados e mesmo animais de paseo invaden os espazos da localidade, privándonos de facermos uso dos mesmos en favor do fomento do exhibicionismo españolista nun país cuxo espírito nacional non é o español. Máis unha vez, un acto de provocación e adoutrinamento españolista recae no noso país, aumentando, así, o tratamento colonial. Porén, alén do borrado nacional que require exhibir por todo Vigo a bandeira de España a mans dunha equipa de militares, o contexto internacional agrava moito máis esta campaña. A sociedade encamíñase cara unha constante de militarización da vida civil que vai deixando nas mentes unha mensaxe subliminal moi clara: máis cedo ou máis tarde, o conxunto da mocidade rematará por ser carne de canón para as guerras imperialistas que os aliados do estado Español e o conxunto do atlantismo están a desenvolver en distintas rexións do mundo. Isto ten sempre o mesmo resultado: as fillas das clases populares rematan por morrer pola defensa dos intereses dunhas elites extractivistas que  perciben a guerra coma un negocio, estando certas que non son os seus fillos quen se verá forzado a facer parte dela.  Esta é a verdadeira mensaxe e escenario desexábel ao que nos condena a celebración do Desfile militar en Vigo, así coma a militarización das nosas vidas, nomeadamente do noso ensino, recibindo, as instalacións militares, visitas de centros de ensino cada día.

Porén, o desfile militar non é o único acto de introdución do militarismo no eido estudantil: hai unhas semanas puidemos ver que en concellos do centro do país (Monforte de Lemos, Sober ou Chantada), se veñen realizando actividades con colexiais. Desde os centros de ensino, e con apoio dos gobernos municipais, garántese a súa asistencia exhibicións da Guarda Real, izamentos  da bandeira de España ou recreacións de adestramentos militares. Son crianzas que se educa no adoutrinamento máis explícito mentres que se censura  e sanciona persoal docente baixo o amparo na lei de suposta “neutralidade ideolóxica”, pulada pola Xunta da Galiza. Todo isto contempla o espallamento dun pensamento único que actúa en favor das lóxicas imperialistas, obrigando a asumir e tolerar unhas Relacións Internacionais baseadas na lei do máis forte e, de novo, nos intereses económicos das oligarquías ao longo do mundo. É por todo o anterior, ademais, que a través dos grandes medios de masas, ou de produtos culturais coma o cinema, se venden como “malvados” ou “represivos” aqueles modelos de país que, pola súa posición xeopolítica, escapan ás lóxicas de ditas RRII. 

Todo isto acompáñase, ou ten a súa orixe, en dous factores materiais moi evidentes. O primeiro, o aumento do gasto militar. Ao longo destes anos, vemos como a progresía española vende unha suposta autonomía militar fronte os intereses da OTAN. A realidade é outra: se ben non se acadou o 5% do gasto militar exixido polos seus aliados, o estado Español realizou un aumento do orzamento militar que superou o 2% do PIB, cun aumento extraordinario de 10. 471 millóns de euros, nun aumento do 144% do mesmo. En Erguer. Estudantes da Galiza, vimos de desenvolver unha campaña na que evidenciamos o desinvestimento da educación pública con respecto ás súas necesidades. A nós non nos enganan: cada euro destinado a gasto militar, é un euro que non vai á mellora do noso ensino público, e, desde Erguer, temos claras as nosas prioridades. 

O segundo, a presentación da carreira militar como unha saída laboral lícita e mesmo desexábel perante un contexto de medre da precariedade laboral, coa presentación de ‘stands’ militares nas feiras de empregabilidade, ou charlas nas universidades sobre como aplicar ao eido militar as distintas carreiras. Isto enfócase cara unha posíbel reactivación do servizo militar obrigado, a famosa ‘mili’, na que centos de mozos do noso país tiñan que perder até dous anos da súa vida servindo ao estado Español e aceptando como propios uns símbolos alleos, xurando fidelidade a institucións coma o exército ou a coroa. Grazas ao forte movemento da mocidade antimilitarista e ao rexeitamento xeral da sociedade, o Servizo Militar foi suspendido no ano 2001. Facemos fincapé nese termo: suspendido, non abolido. É por isto que precisamos unha mocidade alerta e consciente, perante a ameaza que supón a reactivación do mesmo en países próximos coma Dinamarca, Suecia (coa ampliación de 4 a 11 meses) ou Estonia e a propaganda amigábel ao exército estendida no estado Español. A principiar, instamos a acudir en masa á manifestación en rexeitamento á celebración do Día das Forzas Armadas, dentro da Comitiva Xuvenil Soberanista. Vémonos todas o día 30, ás 12H no cruzamento de Vía Norte, Vigo.

 

NON SEREMOS MAQUINARIA DE GUERRA, NON ESTUDAMOS PARA ENCHER AS SÚAS TRINCHEIRAS

Artigo de Laura Piñeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *