O ESTUDANTADO GALEGO CO POBO PALESTINO
O pasado martes viamos como o exército israelí daba un paso máis coa ameaza sobre a cidade de Rafah, onde se refuxian un millón trescentas mil persoas, acrecentando o xenocidio contra o pobo palestino. Unha nova ofensiva que se engade aos xa máis de 75 anos de limpeza étnica e política colonial do estado ilexítimo de Israel contra o pobo palestino. Mentres, os gobernos dos Estados Unidos e da Unión Europea exercen de cómplices necesarios e miran cara outro lado, á vez que condenan calquera acto de resistencia palestina e manteñen relacións diplomáticas e comerciais co estado sionista.
O nacionalismo galego leva anos manifestando a súa solidariedade co pobo palestino e denunciando os numerosos ataques indiscriminados que o Estado xenocida de Israel vén facendo co obxectivo de aniquilar a toda a poboación da franxa. Esta solidariedade internacionalista intensificouse dende o pasado mes de outubro, cando Israel incrementou os seus ataques, e mantense a día de hoxe coas convocatorias periódicas en vilas e cidades de todo o país. Ademais, nas últimas semanas, esta solidariedade está crecendo en todo o mundo. As protestas nos campus universitarios estanse sucedendo en varias partes de Europa e nos Estados Unidos e nós, como organización internacionalista, non podemos ficar caladas e inmóbiles. Dende Erguer. Estudantes da Galiza, celebramos a vaga de solidariedade que se está xestando nas universidades de todo o mundo e mantémonos firmes na denuncia do sionismo impulsando e apoiando novas convocatorias en todo o país.
Comezando pola asemblea aberta convocada para hoxe, día 9 de Maio ás 20h, no local de estudantes da USC en Compostela para podermos colectivamente organizar accións contra o xenocidio palestino. Ademais, chamamos ás estudantes galegas, colectivos e diferentes organizacións a sumarse ás concentracións que realizaremos de xeito simultáneo nos campus galegos o vindeiro martes 14 de maio ás 20h.
As estudantes galegas somos internacionalistas!
Así mesmo, demandamos ás tres universiades galegas que:
- Se posicionen en favor dun alto ao fogo inmediato e permanente e da fin das agresións israelís contra o pobo palestino.
- Condenen publicamente a represión que se está a producir contra as manifestacións de solidariedade co pobo palestino que ten suposto o desaloxo violento de campamentos e a detención de estudantes por parte das forzas policiais en países como os EEUU e Alemaña, así como a represión de manifestacións de apoio a Palestina.
- Denuncien de maneira clara a destrución das universidades palestinas na franxa de Gaza así como os ataques contra a súa comunidade universitaria.
- Teñan un compromiso explícito co boicote académico ao estado sionista, comprometéndose a non cooperar con institucións académicas ou empresas israelís.
- Reclamen o recoñecemento do Estado Palestino e procuren o establecemento de relacións de colaboración coas universidades de Gaza e toda Palestina.
- Fagan a presión necesaria para que o goberno do Estado español rompa relacións con Israel e condenen o sionismo.
Dende Erguer seguiremos impulsando e apoiando novas convocatorias en todo o país e chamamos a todas as estudantes galegas a asistir e mobilizarse en solidariedade co pobo palestino!
O estudantado galego con Palestina!
Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira