O ESTUDANTADO POLO DEREITO Á VIVENDA
Nos últimos anos, o prezo da vivenda na Galiza sufriu un forte ascenso, agravando a situación do estudantado e das clases populares. Nun contexto marcado pola precariedade laboral, o aumento do custo da vida e o empobrecemento, o prezo da vivenda limita aínda máis o acceso ao ensino e condiciona o futuro das estudantes.
Dende Erguer. Estudantes da Galiza, queremos denunciar esta situación convocando unha folga para o día 2 de outubro e animando o estudantado galego a se mobilizar polo dereito a unha vivenda digna.
Esta crise remite a unha soa causa: o capitalismo neoliberal. Vivimos nun sistema económico que subordina o dereito fundamental a unha vivenda digna ao uso desta para perpetuar a acumulación de capital e a xeración de rendas. Deste xeito, a función da vivenda deixa de ser garantir as necesidades sociais e pasa a ser unha mercadoría máis, fomentando a especulación. Négase así ás clases populares, e especialmente aos segmentos máis precarizados do estudantado, o dereito a acceder a unha vivenda digna.
Ante esta situación, os gobernos non só non buscan solucións ao problema, senón que reafirman e defenden o uso da vivenda como ben de mercado. Nesta dinámica insírese a forte turistificación do noso país, orquestrada dende a Xunta de Galiza, que diminúe aínda máis as vivendas dispoñibles, expulsa as estudantes dos centros urbanos e deixa un mercado de aluguer con vivendas en pésimas condicións estruturais e dotacionais.
Dende Erguer. Estudantes da Galiza temos claro que para garantir o dereito a unha vivenda digna é necesario a superación do sistema capitalista, pero tamén sabemos que os gobernos dispoñen de ferramentas, que non queren empregar, transformar e mellorar as condicións materiais das clases populares.
Por iso esiximos tres medidas principais:
RESIDENCIA PÚBLICA
Aumentar o número de prazas en residencias públicas, rehabilitando as infraestruturas existentes e creando outras novas. Rexeitamos o modelo de residencias concertadas que precariza os servizos e fai a vivenda inaccesíbel para a maioría
VIVENDA PÚBLICA
Desenvolver unha bolsa de vivenda pública en réxime de aluguer destinada ao estudantado, constituída a través da compra, rehabilitación e construción de inmóbeis nos centros urbanos das sete cidades galegas. As vivendas ofreceranse a prezos populares e en función da renda das estudantes.
CONTROL DE ALUGUERES
Regulación dos prezos para controlar súa suba descontrolada, empregando todas as ferramentas xurídicas e fiscais dispoñibles. Reclamamos políticas activas que freen a especulación e garantan o acceso a unha vivenda digna.
A campaña culminará cunha folga estudantil o 2 de outubro, con mobilizacións en todas as cidades galegas. O obxectivo é visibilizar a problemática da vivenda estudantil e reclamar solucións concretas que melloren as condicións actuais
A través da loita e a mobilización estudantil, podemos transformar a realidade e garantir un futuro en que a vivenda sexa un dereito e non un privilexio
O ESTUDANTADO POLO DEREITO Á VIVENDA!
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira