Un mes de loita contra a LOMCE nas nacións oprimidas do Estado

O vindeiro 16 de febreiro, Erguer. Estudantes da Galiza convoca unha folga estudantil no ensino medio e universitario, unha folga plenamente galega e autoorganizada polo estudantado do país.

No marco da cooperación internacionalista que teceu Erguer con outras organizacións estudantís, esta folga formará parte do febreiro en loita contra a LOMCE, tres semanas consecutivas de folgas nas nacións oprimidas do Estado español. Á do 16 de febreiro convocada por Erguer, súmanse a convocada polo Sindicato de Estudiants dels Països Catalans para o día 9 e a que terá lugar en Euskal Herria o 23 de febreiro, convocada por Ikasle Abertzaleak.

As estudantes galegas somos conscientes de que de que será a través das loitas de liberación nacional e da mobilización do estudantado autoorganizado como conseguiremos enfrontarnos ás políticas privatizadoras e uniformizadoras do Estado español en materia de ensino. A LOMCE é unha lei que ataca o noso idioma e reduce a súa presenza como lingua vehicular, outorgando máis horas ao castelán. Tamén pretende que estudemos a mesma materia en todo o Estado ao recentralizar para o goberno central competencias de educación que pertencían á Xunta, obviando así a existencia de realidades diferenciadas nas nacións e impedíndonos o coñecemento da nosa historia e cultura propias, que contarán con aínda menos presenza da que tiñan nos temarios.

Aspectos coma estes son só exemplos de como empeora o ensino no noso país coa LOMCE. Celebramos no seu momento a supresión das reválidas, que foi a vitoria de moitas mobilizacións nas que a comunidade educativa galega xogou un papel fundamental tanto coas folgas estudantís como liderando os datos de abstención nas probas de Primaria en todo o Estado. Porén, con isto non abonda. Convocamos a folga do 16 de febreiro baixo o lema Construamos un ensino de noso porque como alternativa á LOMCE pulamos por un modelo educativo propio e radicalmente distinto; non nos serve o pacto que se está a cociñar entre as forzas políticas españolas, partindo de premisas preestabelecidas pola LOMCE e de novo artellado de costas á comunidade educativa galega.

Fronte á recentralización de competencias, á redución de horas do galego no ensino, á computación da materia de Relixión para a media, ao ensino memorístico e antipedagóxico, ás subvencións a centros privados e aos recortes nos públicos, a nosa aposta é a construción dun modelo educativo no que o estudantado galego teña voz e no que se analicen as necesidades e problemáticas do noso ensino para darlles resposta. A necesidade de autoorganización do estudantado para a mellora do ensino público é, polo tanto, o eixo principal das convocatorias de folga do mes de febreiro, feitas baixo os lemas Des dels instituts, tombem la LOMQE e Hezkuntza sistema propioa eraiki dezagun (Construamos un sistema educativo propio) nos Països Catalans e en Euskal Herria, respectivamente.

Na Galiza, este curso académico iniciámolo cun referendo realizado o 20 de outubro en centros de ensino medio de máis de vinte comarcas do país no que o 99,9% do estudantado votou “non” á LOMCE. A esta xornada de loita e de participación desde os propios centros seguiuna unha folga contra as reválidas e a LOMCE o 24 de novembro, que contou con máis dun 90% de seguimento e que foi secundada desde as rúas a través de dezaseis mobilizacións en distintas vilas e cidades do país. Cremos fundamental continuar esta loita pola plena derrogación da LOMCE e por un ensino que non a tome como modelo, e por iso saímos de novo á rúa o 16 de febreiro, contando con todas as problemáticas concretas das distintas comarcas e centros ás que nos fomos achegando neses meses previos de traballo mobilizador.

Erguer. Estudantes da Galiza, o SEPC e Ikasle Abertzaleak, as organizacións estudantís das nacións oprimidas do Estado, compartimos boa parte da análise sobre as eivas e necesidades que ten o ensino e sobre as solucións que podemos darlles, sempre partindo da participación activa do estudantado e da identificación dos problemas que a cada quen nos afectan como país.

Tecer solidariedade internacionalista é fundamental tamén na loita estudantil, e por iso neste mes de febreiro o estudantado das nacións oprimidas do Estado saímos á rúa para esixir un ensino público, de calidade e na nosa lingua. Construïm el nostre propi sistema educatiu! Gure hezkuntza sistema propioa eraiki dezagun! Construamos un sistema educativo de noso!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará