PAU 2025. Somos máis que un número!

Esta semana, milleiros de estudantes enfróntanse ás Probas de Acceso á Universidade, coñecidas como PAU. Isto supón que, como cada ano, o estudantado arriscará o seu futuro ante unha serie de exames que non deixan de reflectir un modelo educativo profundamente deshumanizador e elitista, que nos converte en tan só uns números, impedindo que moitas de nós accedamos ó grao universitario que realmente queremos. Unha proba antipedagóxica que nos vende a idea dunha falsa meritocracia, ocultando as desigualdades sociais, e obrigándonos a competir para ver quen memoriza máis contidos.

Dende ERGUER. Estudantes da Galiza, levamos anos denunciando que a selectividade  non é unha ferramenta para avaliar de forma xusta e integral a aprendizaxe adquirida polo estudantado durante os cursos de Bacharelato. É un mecanismo de exclusión e criba que limita o acceso ao ensino superior e fomenta de xeito inhumano o individualismo e a competitividade entre as estudantes. Unha proba que xera unha forte presión sobre a saúde mental dunha xeración para a que o estrés e a ansiedade semellan estar cada vez máis estendidos. Todo isto engadindo as condicións nas que se fan estas probas, prexudicando a estudantes máis alonxadas dos núcleos urbanos onde se realizan e, en xeral, a todas aquelas que teñen que facer unha grande suma de exames cuns trinta minutos de descanso entre proba e proba.

Este curso, atopámonos cunha reforma que substituíu a ABAU pola denominada PAU. Porén, esta mudanza trouxo máis cambios no apartado estético que no funcional. Mudanzas que tamén introduciron unha inestabilidade no decorrer do curso 2024-2025, con alumnado e profesores sen saber a proba á que se enfrontarían meses despois. Esta, presentouse como un modelo máis competencial e menos memorístico, mais como se observou cos distintos prototipos de exame que foron publicados pola CIUG, segue primando a capacidade de retención de información sobre o resto de habilidades. 

Así a maior parte do curso estivo marcado pola preparación específica destas probas: ensaiar modelos, repetir exercicios tipo, memorizar datos e fórmulas, e adaptar a aprendizaxe ao formato do exame. A experiencia educativa de todo un curso dedicada á preparación dunha proba externa. En lugar de fomentar o pensamento crítico, a curiosidade, a capacidade de análise ou o debate, priorízase a repetición mecánica e a resistencia mental a unha semana de exames. 

Tampouco debemos esquecer que os 17 e 18 anos son unha etapa fundamental na formación emocional e intelectual dunha persoa. Perder este tempo nunha carreira por puntos e percentaxes, nunha loita contra o reloxo e a ansiedade é un desperdicio enorme de potencial humano. O ensino debe ser un espazo de descubrimento, crecemento e aprendizaxe real, non unha preparación para superar filtros.

Por riba disto, a reforma tampouco alterou en absoluto outro dos problemas que presenta a selectividade: o método de cualificación. A PAU segue a supor 8 de 14 puntos totais da nota de acceso á universidade, confiando o futuro educativo e laboral do estudantado a unha única proba que non fai máis que reducirnos a unha cifra numérica que en absoluto define a nosa validación como estudantes nin como persoas. 

Ademais, con todo o debate que se deu nos últimos meses arredor desta mudanza no modelo da PAU, deixáronse ver toda unha serie de intereses políticos. Os vaivéns na liña que debía tomar a reforma dende uns partidos e outros deixan claro que para nada se trata dun cambio técnico e pedagóxico. Xa no final do curso 2023-24, fomos testemuñas de como o Partido Popular, cada vez máis virado á extrema dereita, marcaba como obxectivo a creación dunha “selectividade única” con probas iguais nos territorios nos que goberna, entre os que se inclúe Galiza. Feito que supón unha renuncia ás competencias en materia de educación que corresponden por lei á Xunta. Tamén reflexa unha negación da propia existencia da Galiza como realidade diferenciada con historia, cultura e linguas propias que merecen ser estudadas en pé de igualdade con calquera outra do Estado. 

Nesta liña, cómpre lembrar que aínda hoxe nas ciencias está restrinxida a lingua galega, a historia de Galiza non se menciona nas clases máis alá de pequenos epígrafes, se é que se chega a mencionar, igual que os outros aspectos respectivos á realidade do noso país. Non esquezamos que atravesamos un dos momentos máis críticos para a nosa lingua, e que o seu abandono no sistema de ensino é unha das chaves que o explican.

En definitiva, por moita mudanza de nome que trouxera a reforma, seguímonos atopando cunha proba feita para castigar as clases populares galegas e dificultar o seu aceso ao ensino superior. Todo mentres continúan as axudas ao ensino privado, concertado e se desmantela o sistema público de ensino. Todo isto co fin de eliminar o pensamento crítico e xerar unha masa social alienada perfecta para ser mercantilizada. Na mesma liña que vemos como se aumentan os graos nas universidades privadas, ou se fomenta unha FP privatizada e precarizada.

Polo tanto, é necesario repensar a función da PAU e, en xeral, do noso sistema educativo. Se queremos formar cidadáns críticos, libres e comprometidos co seu entorno, non podemos seguir sacrificando os seus anos máis formativos ao altar da estatística e da rendibilidade académica. O noso país precisa dunha proba cun modelo aberto, público e ben dotado, que garanta unha educación accesíbel e de calidade para a clase popular galega. Que non só respecte, senón que dea prioridade aos contidos específicos da nosa realidade como nación, país e pobo. A prioridade debe de ser a formación do estudantado galego para a mellora do noso país. Isto non chegará a través de probas subordinadas a intereses externos, só será posíbel se se axustan ás nosas necesidades, intereses e obxectivos. Só cunha proba verdadeiramente democrática, xusta e galega, construiremos a Galiza do futuro, sen PAUs e sen limitacións ao ensino.

Artigo de: Alba Quiroga, Saúl Cid e María Maroño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *