Prívannos dun futuro!

Dende Erguer.Estudantes da Galiza levamos anos loitando e reclamando un ensino galego popular, de calidade, democrático, científico, feminista e igualitario. Un modelo de ensino pensado e adaptado ás necesidades do noso país, moderno e preparado para que as estudantes, como futuro de Galiza, adquiran os coñecementos e formación necesarios para avanzarmos. Un ensino público e igualitario, ao que todas poidamos acceder en igualdade de condicións. Que prepare coa máxima calidade, en todos os niveis e todos os sectores, as vindeiras xeracións da nosa terra. Un ensino galego e galeguizador, que cumpra a función necesaria de defender a nosa lingua e a nosa cultura para rachar co modelo colonial e opresor do Estado Español, que nos nega como pobo. Un ensino, polo tanto, que nos libere.

Mais a día de hoxe, seguimos a loitar fronte mútliples atrancos que nos impiden acadar este obxectivo. No centro de todos eles atópase unha cuestión chave para entender a situación actual do ensino galego: a privatización.

Na fase actual neoliberal de capitalismo na que nos atopamos, vemos como o sistema económico e os intereses por trás de mantelo se posicionan cada vez dun xeito máis radical. Vivimos, a efectos prácticos, unha ofensiva privatizadora cada vez máis agresiva, que dende a Pandemia de 2020 entrou na súa última fase. Dende os poderes que gobernan a nosa sociedade, afóndase día tras día nunha clara estratexia de desmantelamento progresivo (se ben cada vez máis brutal e descuberto) do sistema público e reforzo do privado. Isto, no eido do ensino, amósase dun xeito totalizador, que abrangue ao mesmo tempo todos os ámbitos e niveis de formación, mais que se conxuga ca privatización doutros sectores paralelos como o transporte ou a vivenda, nun entrañado cada vez máis complexo. 

Isto require, polo tanto, que comecemos a considerar dita problemática no seu conxunto. Ver, como estudantes organizadas, que a solución a cada un destes problemas require do confronto en todos eles. Non poderemos chegar ao modelo de ensino que desexamos sen pasar antes por todas esas outras loitas. É dende esta perspectiva que presentamos unha nova campaña contra a privatización, ampliando a nosa análise sobre a realidade do ensino galego. Isto co obxectivo de desenvolver o noso traballo tamén de forma máis crítica, totalizadora e efectiva. Para unha vez máis, dende Erguer.Estudantes da Galiza, ser a voz do estudantado galego e a ferramenta da súa organización en prol dun ensino mellor. O ensino que Galiza precisa.

A situación no Ensino

A Universidade

No caso do ensino universitario, atopamos un dos espazos onde a ofensiva privatizadora se volve máis flagrante. No 2022 presentábase no DOG a Universidade Internacional da Empresa (impulsada por ABANCA), na que se excluía o galego do sistema de ensino e se ofertaban catro graos e dous mestrados, solapados coa oferta das públicas e, polo tanto, contradicindo a propia lexislación galega. Mesmo así, o proxecto foi adiante coa conivencia da Xunta de Alfonso Rueda e a día de hoxe medrou con outros tres graos, de novo, solapados coa oferta das Universidades Públicas (Dereito, Psicoloxía e Enfermaría), en clara mostra de competencia desleal. Agora, ademais, súmase a proposta dunha nova universidade privada. A Emilia Pardo Bazán na Coruña, promocionada principalmente pola CESUGA entre outras empresas da man do PSOE, pretende arrancar para o curso 2026/2027. Máis alén destes dous claros casos, non esquezamos que xa en Galiza tiñamos outros graos privados, dependentes como centros adscritos a outras Universidades privadas como a Universidade San Jorge ou distintas empresas (como o caso do centro privado de enfermería adscrito á Uvigo, dependente do grupo Povisa).

É dicir, a ameaza da privada xa está máis que presente en Galiza e parece que non fai máis que medrar ao abeiro da aceptación e promoción encuberta por parte da Xunta do PP e co aval do PSOE, que miran para outro lado mentres alentan a ampliación de graos e mestrados nelas. Isto, xa grave de por si, vólvese sangrante cando consideramos que a pública se mantén nunha constante degradación, produto do desmantelamento silencioso que fan dela. O alumnado está a ser o gran prexudicado destas políticas privatizadoras, que ademáis obrigan a moitas a endebedarse para poder continuar a súa formación: os créditos bancarios para estudar aumentaron un 60 % en apenas cinco anos e xa representan o 14 % do total no Estado español. Todo isto ocorre paralelamente ás consecuencias do plan Bolonia a nivel europeo, que converteu os mestrados no principal mecanismo de especialización universitaria, impoñendo novos custos, excluíndo a quen non pode pagalos e consolidando un modelo alleo aos nosos intereses.

A nivel económico, as tres universidades galegas denuncian estar infrafinanciadas, coa percentaxe do PIB galego dedicado a elas arredor dun 0,6%, moi por debaixo do 1% que esixe a Lei de Universidades. Os efectos disto percíbense no noso día a día, na falta de mantemento dos servizos xa existentes, no aumento de prezos en cafetarías e comedores, ou na desaparición de vagas nas residencias públicas, entre outras. As universidades galegas vense practicamente paralizadas, lastradas con proxectos incumpríbeis e incapaces de ofrecer solucións ante os problemas que afrontan.

A nivel interno, vemos unhas Universidades cada vez máis dobregadas ante intereses privados. Onde o sistema obriga a que a docencia de calidade tome un segundo plano fronte a investigación en ámbitos moi concretos, máis “produtivos”. Redúcese a oferta en graos e mestrados, empregando calquera excusa para pouco a pouco ir minguando a capacidade da pública. Entre as consecuencias máis graves desta política atópase o peche de numerosas titulacións fundamentais como o mestrado de Matemáticas Puras, o único que permite a investigación nesta área. Isto implica unha redución ao ínfimo da investigación en galego, empobrecendo o panorama científico e académico do país e afastándonos dun ensino verdadeiramente galeguizado. Efecto de todo isto, temos un medre da privada que semella imparábel, favorecida por unha vantaxe ficticia, procovada. A ela desvíanse os recursos que “desaparecen” da pública (tanto económicos, como en alumnado, investigadores e profesorado).

A Formación Profesional

Pola banda da Formación Profesional, “buque insignia” da política educativa da Xunta de Galicia, asistimos nela a un proceso de mercantilización e privatización igualmente acelerado. Neste caso, cunha ofensiva mútliple. Por un lado, aumentan o número de centros privados, ao mesmo tempo que se reducen todos os anos prazas presenciais nos públicos, substituídas por “docencia telemática”, que empeora a calidade da docencia considerablemente. Polo outro lado, privatízase a oferta pública dende dentro, ca promoción de todo tipo de iniciativas que, de xeito descuberto, están pensadas para introducir as empresas e os seus intereses no ensino. 

Ca FP Dual ou cos graos “de alta especialización” é xusto iso o que vemos. O ensino xa non é a ferramenta para formar o estudantado e integrarse no mundo laboral, adquirindo coñecementos teóricos e prácticos transversais. Non, agora entrégaselle a formación case integramente ás empresas co precepto de que estas “axusten a docencia e o que se ensina ás necesidades da oferta laboral”. É dicir, dáselle a volta ao sistema e pasa a ser o sector pivado o que marca o ritmo e a formación dos alumnos. Deixamos de ter un sistema de ensino profesional para ter fábricas de man de obra especializada, á xusta medida dos postos que sector privado precise cubrir. Xa non entraremos na cuestión de cal é a formación sobre dereitos laborais, intereses dos traballadores ou límites das empresas que se pode dar baixo este modelo.

A lóxica privatizadora absorbeu por completo a Formación Profesional, ata o punto no que perde sentido o seu propio nome. Isto acompáñase por unha desatención total daquelas necesidades que estean fóra dese aspecto produtivo e utilitario do ensino. É así que vemos constantemente alumando que se queixa das pésimas condicións dos centros, da falta de atención que se lles dá e dos recortes constantes nos servizos dos centros. Non se lle dán os recursos para atender esas necesidades e así xustifícase a intromisión da privada, que supostamente traerá consigo a solución. A Formación Profesional foi vendida.

O Ensino Medio

Finalmente, tamén no Esino Medio vemos os efectos desta vaga privatizadora. Seguimos atopando queixas tanto do alumnado como do profesorado polas condicións dos centros, pola redución de vagas de profesores e aumento das ratios, ca conseguinte diminución da calidade docente. Ao mesmo tempo, vemos a Xunta aumentando o gasto en centros privados e concertados cada ano, repartindo millóns de euros que benefician unha vez máis esa competencia desleal mentres a pública fica esquecida. 

Non bastando só con iso, nos tramos do ensino obrigatorio tamén é onde vemos unha maior ofensiva ideolóxica por parte do poder, o que tampouco podemos desligar do mesmo intento privatizador, pois unha explica a outra. A Xunta e o PP de Galicia demostraron aínda hai pouco a súa intención de impor unha suposta “neutralidade ideolóxica” no ensino, que realmente trata de impedir que ideas en contra dos intereses dos poderes gobernantes teñan espazo nas aulas. Prohíbense mencións ao proxecto de Altri ou á situación recente vivida cos lumes. A Xunta trata de capar o ensino público alí onde pode e, ao mesmo tempo, impulsar por todos os medios a oferta privada. Todo segundo os mesmos intereses que vimos sinalando. Como resposta a esta situación, tanto o profesorado como o alumnado amosan un rexeitamento crecente ao actual funcionamento do sistema educativo. Milleiros de docentes saen ás rúas para esixir un cambio real, mentres moitos estudantes denuncian o deterioro das condicións nos centros, a ausencia de apoio efectivo e o cansazo xeral fronte a un modelo que xa non garante unha educación xusta, digna e pública de verdade.

Outras privatizacións

Paralelo ao anterior, debemos inserir o ensino no conxunto da realidade social actual se queremos comprender verdadeiramente a situación das estudantes galegas e ofrecer respostas. Como dixemos antes, atravésanos unha vaga privatizadora que atinxe todos os eidos das nosas vidas neste sistema capitalista neoliberal, e toda ela afecta ás estudantes galegas, o seu acceso ao ensino, a súa formación e, por tanto, ás súas vidas. Centrarémonos a continuación en dúas principais:

Transporte

Galiza, como territorio marcado pola dispersión da súa poboación, destácase por unha historia de plans de comunicacións e transportes completamente alleos ás súas necesidades. Nada máis que unha das moitas manifestacións da nosa condición como colonia. Vémolo, a día de hoxe, na inexistencia dun sistema de transportes eficaz e accesíbel, que nos permita movernos polo territorio de forma eficiente. Que conecte os diversos puntos de poboación cos núcleos de concentración de servizos.

Así, no caso do ensino está máis que clara a ligazón desta situación ca condición das estudantes e as limitacións que afrontan. Non hai conexións, a día de hoxe, que nos permitan chegar aos nosos centros de ensino de forma eficaz e accesíbel. As liñas de tren, autocarro e outros medios son completamente ineficientes, sen oferta de conexións que consiga satisfacer as necesidades das estudantes. Isto é así en todos os espazos, tanto nas liñas urbanas, como nas que conectan as urbes co espazo circundante, ou as que as unen co rural. Maioritariamente, vólvese imposíbel chegar dun punto a outro sen ter que empregar innumerábeis transbordos, afrontar un custo desmedido ou tempos de viaxe esaxeradamente dilatados. Isto, cando sequera é posibél facer a viaxe.

Todo isto provén dun claro desleixo pola aposta dun sistema de transportes adaptado á realidade de Galiza. En vez de ser un servizo público, disposto á atender as necesidades do pobo galego, é un mercado a disposición dun par de empresas. Repercute en que sexa implantexábel facer a viaxe recurrente entre as nosas residencias e os centros de ensino, agás os casos nos que ambas coinciden, ou no espazo inmediatamente circundante. Isto implica, necesariamente, dúas cousas. A primeira, o prexuízo do rural e os seus habitantes, que afastados dos centros de ensino superior ou incluso medio, terán que afrontar as consecuencias máis graves desas eivas que sinalamos. A segunda, que os sectores sociais que non poidan afrontar os custos deste transporte ou da única alternativa, alugar próximo ao centro de estudos, se verán excluídos de poder acceder aos niveis superiores de ensino.

Vivenda

Ligado co anterior, a crise actual de vivenda que dende Erguer xa varias veces analizamos, está plenamente imbricada tanto con esa situación no transporte, como cos efectos que ten no acceso aos niveis superiores de ensino. O aumento disparado dos prezos dos alugueiros, a falta total de medidas por parte dos gobernos e o desleixo das Universidades para ofertar alternativas, impiden que as clases populares poidan afrontar os custes de estudar.

Non só se aumentan os prezos da vivenda, senón que diminúe a oferta de residencias estudantís que xa levaba décadas estancada. Pontevedra e Ourense non contan con ningunha residencia pública para estudantes universitarios, en Ferrol, Lugo, Vigo e A Coruña non cubren nin o 2% da demanda e en Compostela reducíronse 500 vagas nos últimos 20 anos (case 200 só nos últimos 2). Isto, non nos pode estrañar, provoca o medre do sector privado da vivenda e vemos como aparecen cada vez máis residencias privadas para estudantes. Os prezos que ofertan son inasumíbeis para a maioría do estudantado galego, unha vez máis desprazado ou forzado a afrontalos a custo da súa economía familiar. 

Os efectos da privatización

De toda esta situación e tendencia que vimos describindo, temos unha serie de resultados: 

En primeiro lugar, a exclusión das clases populares do ensino a todos os seus niveis, así como unha mercantilización do mesmo, sometido aos intereses do mesmo sistema que provoca o seu desmantelamento. Para as estudantes galegas das clases populares, o ensino superior semella algo cada vez máis afastado, con máis obstáculos no seu camiño. Isto causa, necesariamente, unha restrición da súa formación, condicionando por completo as súas vidas. Temos polo tanto un claro axente de desigüaldade, aumentando a distancia entre clases sociais, debido precisamente ao detrimento de recursos e calidade da formación que se produce no ensino público. 

En segundo lugar, o desmantelamento e retirada de recursos do ensino público non afecta de forma homoxénea. Os seus efectos son máis acusados sobre os elementos máis precarizados e sobre os dereitos xa ameazados polo sistema: 

  • Nos servizos á diversidade entre o alumnado, sen profesores ca formación necesaria, sen cumprir normas de accesbilidade en moitos casos e moito menos asegurar o respecto que debera ser incuestionábel dentro e fóra dos centros.
  • Nos servizos e departamentos de feminismo e igualdade, recortando en recursos ou fórmulas de visibilización, cada vez máis desactualizadas, con protocolos de actuación abandonados. Asegurar os dereitos de todas semella secundario e queda á vontade ou voluntarismo do profesorado.
  • Relacionado co anterior, nos servizos de axuda á saúde mental, como vimos co intento de retirada do gabinete psicopedagóxico da UVIGO ou na constante incapacidade dos centros de facer fronte ao acoso, actualizar protocolos ou mellorar as medidas dispoñíbeis para facerlle fronte a esta problemática. 
  • Tamén, por suposto, nos nosos dereitos lingüísticos e nacionais. A nosa historia, a nosa cultura e o ensino da nosa lingua semellan prescindíbeis neste modelo. Recursos e materiais en galego parecen ser algo inacadable, cando debera ser o mínimo exixible. A investigación en galego queda totalmente fóra da ecuación, condicionando o futuro intelectual do país e empobrecendo o noso sistema universitario. Por suposto, pola banda da privada, temos unha exclusión sistemática do galego. A desgaleguización é bandeira do ensino privado, o que o converte no aliado perfecto do actual goberno da Xunta. 

En terceiro lugar, mais seguindo o anterior, toda esa retirada de recursos impídenos formarnos con normalidade no noso país, levando consigo un proceso inevitábel: a emigración estudantil. Dende 2009 van xa máis de 300.000 mozas e mozos que saíron do país, moitas delas en idade de estudar e, precisamente, para cursar os seus estudos. Esta expulsión de estudantes ao estranxeiro implica maioritariamente o non regreso de moitas delas e, polo tanto, a perda de futuros profisionais formados aquí. Iso, finalmente, pecha o círculo de consecuencias, pois normaliza a saída de estudantes e, a menos profisionais formados en Galiza menos profisionais formados e que formen en galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *