Que defendemos?

Por unha Lei Galega de Educación!

Unha Lei Galega de Educación deseñada pola comunidade educativa é a oportunidade para reverter todas as medidas neoliberais aplicadas no noso sistema educativo e para construír un modelo distinto, pensado por e para as estudantes galegas.

Defendemos un ensino:

  • Acessíbel e popular. É preciso pór fin ás taxas universitarias e ás probas de acceso inxustas, así como a gratuidade dos libros de texto. Necesitamos bolsas adecuadas ao custo da vida e que todas as estudantes que as precisen pola súa situación económica poidan ter acceso a elas, ademais de ampliar o número de prazas en residencias públicas.
  • En galego e para Galiza. A normalización plena da nosa lingua pasa por un aumento exponencial da súa presenza no ensino, o fin do vergoñento “decreto do plurilingüismo” e o uso vehicular real da lingua galega no ensino. Precisamos estudar e coñecer a nosa historia, a nosa cultura rachando así coa uniformización estatal.
  • Feminista e inclusivo. É preciso pór en valor a referentes femininos e incorporar materias sobre igualdade de xénero de xeito que esta sexa unha competencia transversal en todos os niveis educativos, educando no respecto e coñecemento da diversidade.
  • Democrático. Que teña en conta ao conxunto da comunidade educativa para a construcción de leis educativas e democratice os órganos de goberno de centros e universidades, facendo realmente partícipes ás estudantes.

Dende Erguer. Estudantes da Galiza cremos que a educación é un dereito universal e un servizo público que debe servir para a formación intelectual de estudantes, con pensamento crítico, capaces de mellorar colectivamente a sociedade do futuro. E non simplemente a adquisición dun coñecemento técnico enfocado a satisfacer as necesidades do mercado, e a xerar man de obra especializada, individualista e sen capacidade de contestación.

Erguer. Estudantes da Galiza é a organización unitaria do estudantado galego, destinada á defensa dos seus dereitos e intereses. Loitamos por un ensino galego, público, democrático, laico, feminista e inclusivo. Podes coñecer máis sobre os nosos posicionamentos e como nos organizamos nas nosas
teses

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google