QUE NON NOS ROUBEN A LINGUA!
O galego na Galiza de 2025
O estado de saúde do galego é crítico e a ruptura da transmisión xeracional nas últimas décadas avanzou a grande velocidade. A constatación da realidade lingüística actual non debe, con todo, levarnos á desmotivación e á apatía, senón que debemos partir dela para elaborar un programa realista e efectivo, que sexa quen de rachar de vez coas causas da substitución lingüística.
Cómpre, primeiramente, recoñecer que o goberno galego (co consentemento do Estado e da Unión Europea) opera de hai décadas unha política glotocida, que visa aprofundar na substitución lingüística. Se na Época Fraga (1990-2005) isto se facía de maneira disimulada, procurando unha morte anestesiada da lingua, no período Feijóo-Rueda (2009-) a intencionalidade e direccionamento da política lingüística é diáfano e transparente: facer desaparecer o galego, canto máis rápido, mellor. Non é algo isolado: esta política fai parte dun proxecto que visa borrar a nosa identidade como nación; a dominación cultural e lingüística fai parte da opresión colonial que sofre o pobo galego.

As máscaras do glotocidio ou asasinato lingüístico
Para obter a lexitimidade necesaria, o goberno galego agóchase tras a retórica do bilingüismo cordial e da liberdade lingüística. Ambos teñen o obxectivo de mascarar a realidade lingüística da Galiza para facilitar políticas abertamente contrarias ao galego.
Á sociedade galega infrinxiuse unha ferida lingüística profunda, que atinxiu todas as capas da súa sociedade. Este proceso tomou a forma dun auténtico glotocidio baixo a ditadura franquista. Calquera política lingüística que non promova activa e enerxicamente a lingua minorizada, nomeadamente o galego, é unha política lingüística que non fecha, senón que mantén e perpetúa o proxecto de substitución lingüística. Así, escudarse na igualdade formal e legal das linguas (que tampouco é tal) só serve para ocultar que, no seo da sociedade, estas seguen a ser profundamente desiguais. Alén diso, o concepto de bilingüismo cordial é un auténtico oxímoro. O equilibrio pacífico e prolongado no tempo entre dúas linguas do mesmo estatus no seo dunha sociedade é un irreal lingüístico, que nunca se verificou historicamente. Ningunha sociedade crea e mantén dúas linguas de xeito natural, senón que unha lingua dominante se pode sobrepoñer a unha lingua minorizada nun proceso de substitución lingüística máis ou menos longo. Esa é a situación galega.
Por outra banda, o concepto de liberdade lingüística tamén se deforma para facer pasar por natural o que non o é. Como individuos, non somos alleos ao contexto en que vivimos. Nunha sociedade diglósica, cunha ferida lingüística tan profunda como a galega, os individuos reproducen comportamentos de autoodio e perpetúan a substitución lingüística. Nada disto ten a ver coa liberdade, que se usa como pretexto para ocultar a historia política, cultural e social que levou á situación actual.
Na Galiza, en galego
Na Galiza conviven dúas linguas: unha, a propia e xenuína, vehículo da nosa cultura e da nosa historia como pobo. Outra, importada e imposta con violencia (polo castigo físico, pola humillación). Ningunha sociedade renuncia voluntariamente á súa lingua: non foi sen moito esforzo, sen vir acompañada de todo un aparello de políticas de substitución lingüística, que o castelán virou a lingua dominante en Galiza. Para nós, liberdade lingüística debe ter outro significado: o de recuperar a dignidade da nosa lingua e de reintroducila en todos os espazos, en todos os lugares dos que foi expulsada. Só cando o galego volva ser a lingua libre dos galegos, cando volva a todos os lugares de onde foi expulsada, poderemos falar de liberdade lingüística.

Un programa para o ensino
O ensino foi de sempre unha das ferramentas máis poderosas para desgaleguizar a nosa sociedade. O galego foi prohibido nas escolas e, quen o usase, castigado, humillado e agredido. Desde a Transición, o galego conseguiu adquirir unha posición precaria no ensino, grazas á súa oficialización dentro dos límites autonómicos, pois a desprotección mantívose nas zonas galegofalantes fóra das fronteiras administrativas. A pesar dos mínimos conquistados, o sistema galego de ensino contribuíu a quebrar a transmisión xeracional da lingua e garantir que quen fose criado en galego tendese a abandonar a lingua na escola e nas etapas posteriores da vida.
Desde Erguer – Estudantes da Galiza, temos como tarefa prioritaria pular por un modelo de ensino que revirta a desgaleguización. Para este propósito, cómpre loitar por transformacións fondas do sistema de ensino. Alén diso, é necesario ter presente en todo o momento que a verdadeira independencia cultural e lingüística non se poderá xamais cumprir sen independencia política: é imposíbel superar plenamente o proceso de substitución lingüística nunha posición de dependencia social, económica e cultural do Estado Español. Defendemos, porén, un programa con tres eixos que permitan avanzar na dirección correcta:
- Derrogación inmediata do Decreto de Plurilingüismo: o Decreto 79/2010, tamén chamado Decreto de Plurilingüismo, supuxo un fortísimo golpe para a presenza do galego en todos os niveis do ensino. No ensino infantil, limitou o galego ás áreas rurais e excluíuno por decreto das urbanas. No ensino básico, prohibiu a docencia en galego nas matemáticas e, no ensino medio, tamén de Tecnoloxía e Física e Química. Excluír o galego das ciencias é trasladar a mensaxe de que non serve para elas. Para alén diso, o Decreto de Plurilingüismo marcou como máximos de docencia en galego os mínimos esixidos polo decreto anterior.
Desde Erguer – Estudantes da Galiza, consideramos que é unha anomalía democrática prohibir e limitar o ensino na lingua propia e minorizada. Esiximos a derrogación inmediata do Decreto de Plurilingüismo.
- Galego como lingua vehicular no ensino: o galego é a lingua da Galiza, e como tal debe ser a lingua vehicular do ensino. No ensino infantil, garantirase a adquisición progresiva de competencias en galego. No ensino básico e medio, o galego será a lingua vehicular. Esta é a única maneira para, nas circustancias actuais, garantir que todo o estudantado adquira competencias lingüísticas plenas na lingua propia. Os datos demostran que, a día de hoxe, un terzo da mocidade entre 5 e 14 anos non sabe falar galego. A posición residual do galego no ensino só perpetúa esta situación.
A administración garantirá, para alén diso, a formación necesaria para que todo o corpo de docentes poida usar plenamente e con calidade o galego.
No eido universitario normalizarase o uso do galego en todos os ramos do ensino, garantindo a formación en galego do corpo docente e converténdoo na lingua principal da docencia universitaria.
- Creación dun sistema editorial público para o ensino: as transformacións no sistema educativo esixen tamén contar cos materiais didácticos necesarios na lingua propia. O goberno galego creará un grupo editorial centrado no ensino, que publique manuais e materiais en galego para todos os niveis de ensino e todas as materias, garantindo tamén a oferta de materiais dixitais e sen esquecer o ensino profesional.
Para o ensino universitario, a editora pública promoverá a edición de manuais e de pesquisa en galego, favorecendo a galeguización dos ramos de ensino máis desgaleguizados e prestixiando o uso da lingua en todos os seus ámbitos. Cómpre avanzar na elaboración de léxicos propios e actuais en áreas específicas (arquitectura, deseño…) nas que aínda atopamos eivas.
Estas medidas principais, porén, deben vir acompañadas dunha batería de medidas acompañantes, que transformen fondamente a realidade do ensino galego. Propoñemos as seguintes:
- Introdución do portugués no ensino: o portugués ten unha presenza testemuñal no ensino. Ampliar o coñecemento da lingua portuguesa e da lusofonía, atendendo sobre todo ao Brasil e a Portugal mais sen esquecer os outros países de fala portuguesa; permitiría tecer máis lazos lingüísticos e culturais co mundo lusófono, que forma parte do noso tronco lingüístico. Do mesmo xeito, fomentarase o coñecemento da normativa reintegracionista do galego
- Introdución do galego nas actividades extraescolares: é importante que o galego non sexa só a lingua do ensino, senón que estea tamén presente noutras esferas das vidas da mocidade. Así, garantir que o galego se use no deporte de base, nos conservatorios, etc., é un paso fundamental na súa normalización. Do mesmo xeito, tamén se investirá na creación de máis contidos audiovisuais en galego, como o lexendado ou a dobraxe de series, filmes e videoxogos.
- Afortalamento da autoestima lingüística no ensino: alén de garantir a adquisición das competencias lingüísticas necesarias, o sistema de ensino favorecerá unha actitude lingüística favorábel cara ao galego.
- Reforzo dos coñecementos do estudantado respecto da situación lingüística e a historia da lingua galega dende unha perspectiva crítica e autoconsciente, que transmita a profundidade da desgaleguización e os ataques ao noso idioma ao longo dos séculos, con especial incidencia na actual e máis aguda perda da lingua. Non é posíbel un ensino galego sen lingua galega, e non hai lingua sen historia. Tamén se fomentará o coñecemento da tradición musical e cultural (en todas as súas manifestacións) do pobo galego.
- Promoción da divulgación e da publicación científica en galego. O goberno galego debe promover a publicación de literatura didáctica en galega, e promocionar, a través de premios e outras formas de financiación, a publicación de pesquisa (TFGs, TFMs, teses, artigos, etc.) en galego.
Unha reversión da situación lingüística actual esixe, en todo o caso, un grande esforzo social en todos os ámbitos. Non chega con transformar o ensino, condición fundamental, senón que é necesario operar grandes mudanzas en favor do galego en todos os ámbitos sociais: na saúde, no traballo, na cultura e no deporte. Mantermos a lingua é posíbel, mais será necesario un grande esforzo de mobilización en todos os eidos.
QUE NON NOS ROBEN A LINGUA! ✊
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira