RACHAR COA PAU, RACHAR CO SISTEMA

Tódolos anos, milleiros de estudantes galegas enfróntanse ás Probas de Acceso á Universidade. Unhas xornadas antipedagóxicas, elitistas e deshumanizadoras, que ca suposta fin de avaliar obxectivamente rematan por levar ó límite o estudantado popular e por favorecer o ensino privado e con el a estratexia neoliberal de privatización do noso ensino.

O ano pasado introduciuse o “novo” modelo PAU, que máis aló dun lavado de cara estético continua a representar o modelo educativo promovido pola Xunta de Galiza e o PP. Un ensino baseado na memorización alienante de contidos estériles ca única fin de transformar as aulas da Galiza en fabricas de man de obra barata e feita a medida, sen pensamento crítico nin capacidade real de resolución de problemas. 

Isto tamén supón unha barreira de entrada cara os graos universitarios que queremos estudar. Desprézase a vocación e o interese das estudantes, reducíndoas a unha simple nota que pode derivar na negación do acceso ós estudos superiores nos queren formar, incluso por décimas ou centésimas, rebaixándoas a un só número. E isto deriva en problemas de saúde mental como a ansiedade ou o estrés.

Véndennos modelos que semellan novidosos cando a realidade é que nos estamos a enfrontar a un sistema de cribado que leva implementado na educación desde hai moito tempo. Por moito que lle cambien o nome, as realidades e os obxectivos son os mesmos: medir a capacidade memorística do alumnado.

En ERGUER. Estudantes da Galiza. defendemos un ensino que nos achegue a unha aprendizaxe real, que non feche portas cara os nosos intereses e inquedanzas así como que fomente unha perspectiva crítica. Tamén seguiremos a loitar pola igualdade no ámbito educativo de xeito que a educación sexa un dereito real e accesible para as clases populares e para que a nosa relidade nacional se vexa incluída nesta proba que debe ser cambiada por un modelo realmente aberto e que priorice a verdadeira formación do estudantado.

É o tempo de deixar de ver o estudantado como máquinas de retención de datos e mudar realmente a nosa educación. É o momento de construir un ensino galego e pedagoxico o servizo das clases populares da Galiza. É o tempo de rachar coa PAU, rachar co sistema.

Artigo de María Maroño e Saúl Cid

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *