Comunicado de Erguer Estudantes da Galiza sobre as próximas liñas de traballo

Como é costume por estas datas, o Sindicato de Estudiantes convoca, unha vez máis, ao estudantado de todas as nacións que conforman o Estado español a unha xornada de folga para o día 26 deste mes. Decidindo as estudantes organizadas en Erguer, nas asembleas ao longo do país, non apoiar nin convocar esta xornada de movilización, facemos unha aposta, pola contra, polo traballo continuado e real en todos os centros aos que poidamos chegar.

Os motivos que nos moven hoxe seguen a ser os que moveron historicamente ao movemento estudantil galego a manter unha postura crítica a respecto destas convocatorias xestadas na dirección do SE: a ausencia de debates de base e a imposibilidade de participación directa do estudantado na xestación deste tipo de moviliazcións; a falta de contido específico de país, de zona ou de centro; a repetición de consignas sen potenciar unha posición crítica do estudantado; a falta de traballo previo e posterior, facendo recaer todo o peso da movilización nunha manifestación convertida en procesión; ou a inutilidade das convocatorias sen unha liña ou uns obxectivos claros. Somos conscientes tamén do carácter nocivo e desmovilizador das prácticas do Sindicato de Estudiantes convocando xornadas de folga unilateralmente, sen contar con outros axentes estudantís, nin co estudantado galego non organizado e marcando uns ritmos que non se corresponden coa realidade galega. O seu labor é elixir unha data e publicitala nos grandes medios informativos; o noso, facer asembleas nos centros, repartir folletos, deseñar estrazas, realizar piquetes informativos no propio día da manifestación, berrar forte polos nosos dereitos.

Temos claro que a planificación do traballo debe vir das estudantes, con propostas e obxectivos realistas, e para que reverta nas estudantes, queremos lograr melloras a curto prazo mentres loitamos por un ensino netamente en galego, onde o patriarcado fique fóra, accesíbel pata todas sen importar a renda e que contribúa á nosa formación como persoas. Para isto traballamos nos centros recollendo as problemáticas que afectan ao alumnado en cada centro e facultade, trazamos liñas de traballo a seguir, procuramos solucións mediante a movilización.

Un exemplo disto son as camapñas que vimos facendo en ensino medio, espazo case sempre esquecido por un movemento habitualmente nutrido por estudantes universitarias. Unhas consultas simbólicas nas que preto de 5000 mozas e mozos de todo o país que van sufrir a LOMCE decidiron se queren ou non que esta medida se aplique, cun traballo anterior de concienciación que, sen dúbida, abre unha porta para seguir acrecentando a actividade no ensino secundario. Mais a actividade contra esta lei galegófoba, antipedagóxica, elitista e patriarcal non remata aquí: asembleas nos centros nos que se realizou o referendo para analizar as súas problemáticas concretas e novas consultas noutros centros para culminar nos paróns contra a LOMCE que convocaremos para o vindeiro venres 2 de decembro.

Consideramos fundamental seguir a ser a ferramenta útil e o altofalante do estudantado, poñendo a loita polos dereitos das estudantes como eixo central e artellando respostas conxuntas aos múltiples ataques que nos dirixen ao colectivo estudantil. Só así, con traballo diario e presenza nos centros de ensino e nas facultades de toda Galiza, poderemos impulsar movilizacións amplas e combativas que nos acheguen ás victorias que ambicionamos no movemento estudantil galego.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará