Nós, estudantes da Universidade de Manchester, onte día 27 de abril de 2017 comezamos unha folga de fame coas 1500 presas políticas palestinas que xa a comezaron o pasado 17 de abril de 2017. Moitas delas son menores de idade e están a pasar anos dentro dos cárceres do Estado de Israel. A súa folga persegue o cumprimento dos Dereitos Humanos máis básicos: a posibilidade de contacto telefónico coas familias, asistencia médica, recuperar as súas posesións confiscadas na súa entrada en prisión, a fin do illamento e a abolición da detención administrativa sen cargos ou xuízo.
Hai décadas, a loita solidaria do estudantado foi unha peza clave na caída do réxime de segregación (apartheid) en Sudáfrica. Ademais, o movemento estudantil sempre xogou un papel principal no apoio a moitas loitas anti-racistas e anti-imperialistas. A loita pola liberación do pobo palestino non é diferente, xa que este leva 70 anos vivindo nun réxime de opresión sistemática, con miles de asasinatos, o desprazamento forzado da poboación, racismo institucional e segregación. O noso deber é posicionarnos en solidariedade con el e con todo movemento que loite pola autodeterminación dun pobo.
Como estudantes, sentimos a responsabilidade de apoiar a causa palestina. A través das nosas taxas universitarias estamos financiando a Universidade que, en contra da nosa vontade, apoia o réxime de segregación israelí. Coma a maioría das universidades irlandesas, inglesas e escocesas, a Universidade de Manchester inviste millóns de libras en empresas que son cómplices do sufrimento da poboación palestina. Un exemplo disto é a colaboración con Caterpillar, unha compañía que fabrica escavadoras que o exército de Israel emprega para esnaquizar as vivendas das familias palestinas.
Non só é o noso dereito protestar contra isto, senón que é o noso deber rematar con esta inxustiza. Queremos estar no bando correcto.
