Suprímense as reválidas, mais mantense a LOMCE
O ministerio de Educación vén de presentar un proxecto de Real Decreto Lei polo que se suprimen as reválidas e se recuperan as Probas de Acceso á Universidade: exames non deseñados polo goberno central, nas que o alumnado só se examinará de 5 materias na fase xeral e nas que non entrará contido de 1º de Bacharelato.
A nova chega catro días despois da folga estudantil convocada no noso país por Erguer. Estudantes da Galiza, secundada polo 90% do estudantado e apoiada nas rúas por 4 000 estudantes repartidas en dezasete mobilizacións. A comunidade educativa galega foi pioneira desde o primeiro momento na loita contra a LOMCE, e a insistencia na mobilización nas rúas e na loita nos centros de ensino levounos a importantes avances no camiño de derrogar esta lei. A supresión neste curso das reválidas é un deses importantes pasos, e aínda que se estea a dar moi tarde, a tan só seis meses de que rematen as clases en 2º de Bacharelato, é un peso de incerteza sobre o noso futuro académico que as estudantes por fin nos sacamos de enriba tras estar todos estes meses preparándonos con exames das PAU porque non coñeciamos ningún outro modelo de proba posíbel. Porén, as probas aínda non están todo o definidas que deberían, dado que a semellanza total coa Selectividade é imposíbel desde o momento no que o currículo é diferente e mudan os contidos de certas materias. Precisamos coñecer xa e con total seguridade cales serán os contidos dos que nos examinemos en cada exame.
Ademais, sabemos que ao mesmo tempo que o goberno paraliza as reválidas neste curso, lexisla en sentido contrario e comeza a marcar cando terán valor académico. A supresión das reválidas non nos vale como parche, ten que ser definitiva e vir acompañada da completa derrogación da LOMCE. A eliminación do aspecto máis polémico da lei non deixa atrás a blindaxe dos concertos educativos con centros privados, a computación da materia de Relixión para a media, a creación da Formación Profesional Dual, a diminución de horas do galego como lingua vehicular no ensino, a recentralización de competencias ou outros moitos aspectos aos que seguiremos enfrontándonos: non nos valen as medias tintas!
A construción dun ensino público, galego, democrático, de calidade e feminista pasa pola total derrogación da LOMCE e a construción dun modelo pensado por e para Galiza e que analice as necesidades do ensino no noso país contando coa participación activa da comunidade educativa galega.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira