6D, nada que celebrar. Artigo de Rubén González

Este 6 de decembro cumpriranse 40 anos da aprobación da constitución española, a culminación do falso proceso de transición organizado polo franquismo en connivencia coas forzas, supostamente de esquerdas, do estado español.

Esta constitución é a proba máis palpábel da submisión de partidos políticos como o PSOE ou o PCE, e das centrais sindicais españolas, UXT e CCOO, ao poder establecido, desbotando a ruptura democrática co rexime franquista para levar ao cabo acordos políticos e económicos co mesmo.

É por isto que somos quen de afirmar que levamos vivindo 40 anos baixo as regras de xogo que marca a constitución dun estado español herdeiro do franquismo, onde os artigos da constitución que se aplican son os artigos que lle interesa ao poder, como observamos no caso do procés catalá, mentres que as mozas e as estudantes non temos garantido o acceso a unha vivenda, ou a un salario digno; onde non todas somos iguais ante a xustiza nin se garante a igualdade de oportunidades.

O texto aprobado o 6 de decembro de 1978 deixa un estado español posfranquista sustentado en dous piares básicos: o capitalismo e a unidade de España. Un estado español que blinda institucións antidemocráticas como é a monarquía, un estado español que invirte na adquisición de armamento e no exército en detrimento das partidas de axudas sociais ou do ensino.

Este 6 de decembro cúmplense 40 anos da aprobación da constitución española, esa gran farsa coa que deron esmola á clase traballadora e deron esmola tamén ás nacións oprimidas dentro do estado español co deseño das comunidades autónomas. Tal e como defendía o nacionalismo galego da época, frontalmente oposto á aprobación do texto constitucional, a constitución española foi un texto aprobado para garantir que as opresoras continuaran co espolio e os ataques cara as oprimidas, agora cun marco legal que as ampara, continuando co espolio de recursos ou coa imposición cultural e lingüística.

Como estudantes e mozas galegas debemos ter claro que esta constitución ao servizo do capital e da unidade de España, non nos vale e é contraria aos nosos intereses. Hoxe en día somos quen de escoitar ás representantes das forzas do sistema falar da necesidade dun pacto “nacional” no ensino, mesmo hai organizacións estudantís que defenden esta cuestión. Mais a pregunta é: Como imos pactar unha lei de educación coas mesmas que levan vendendo o ensino ao grande capital, as que eliminan calquera atisbo de pensamento crítico das aulas, as que agochan a nosa historia ás crianzas ou as que levan tempo segregando ao estudantado por cuestión de xénero ou capacidade económica?

Non, ese non é o camiño. O camiño para o noso país é acadar unha República Galega social e democrática, que defenda os intereses das clases populares da nosa terra. No marco do ensino precisamos tamén desta mesma soberanía, traducida nunha nova lei de educación, unha Lei Galega de Educación que vele polo caracter público, democrático, científico, inclusivo, feminista e galego do noso ensino en todos os niveis.

É hora de rachar co rexime do 78 e coa constitución española, é hora de tronzar as cadeas que nos impón o estado español e de derrubar o cárcere que supón para os pobos a constitución española. Só deste xeito, dende a solidariedade e dende o servizo ás clases populares, seremos quen de construir unha sociedade onde as liberdades democráticas sexan tal e onde os dereitos colectivos estean por enriba dos intereses privativos. Erguer. Estudantes da Galiza seguirá na loita por mellorar a calidade material de vida e de dereitos das estudantes galegas, por ser útil para conquerir a liberación socia e nacional que precisamos.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on Google+
Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *