Erguer contra a ilegalización de Causa Galiza

O pasado 30 de outubro, o Estado español, da man dun operativo policial dos de patada na porta, detía 9 militantes de Causa Galiza baixo a acusación de enaltecemento do terrorismo.

 

A incriminación, artellada baixo a escusa de promoción do terrorismo, supuña a ilegalización de facto da organización independentista, a cal fixo sempre un traballo dentro da legalidade, negandoselle a posibilidade de realizar ningunha actividade política. Esta montaxe político-policial acusaba a CG de formar parte do entramado de Resistencia Galega, promovendo as súas ideas. Este luns 18 de abril, a Audiencia Nacional emitiu un auto no que se desestima o recurso presentado pola defensa, alegando como evidencias a celebración do Día da Galiza Combatente ou homenaxes aos mártires de Carral, conxurando así a ilegalización a todos os efectos da organización. Nunha justiza controlada polo Estado que non ten reparos en dicir cousas como que “o sacrificio dos dereitos” ten “relación proporcional coa gravidade do delito”, tan só queda como última opción o recurso perante o tribunal constitucional, vía que o grupo de militantes decidiu desbotar debido ao elevado custo e a nula posibilidade de vitoria.

 

Continuando coa estratexia de criminalización do independentismo galego, aplican aquí e agora o que tantas veces, sen proba algunha, teñen escoitado en Euskal Herria: “todo é ETA”; ou, neste caso, “todo é Resistencia Galega”. Pois que dicir que o tempo non teña demostrado xa: enfrontámonos a un goberno fascista, tecido no berce do 78, que non dubida en violar a súa propia lei cando se trata de reprimir a disidencia. Traendo a primeira ilegalización política no noso país desde o Partido Galeguista no 1936, cruzando a porta aberta que deixou aquel 2013 coa declaración de RG como banda armada (ou, como lles gusta dicir, grupo terrorista), proceden a destruír todo aquilo que poida resultar unha ameaza para o proxecto España, entrando no xogo de declarar como entorno de Resistencia Galega as organizacións que non se axusten ao modelo imposto desde Madrid.

 

Non permitiremos que secuestren as nosas compañeiras de loita, criminalizando a todo un movemento mentres ficamos caladas e submisas. Por iso, desde Erguer. Estudantes da Galiza mostramos o noso máis firme e rotundo rexeitamento cara ás políticas fascistas empregadas polo Estado. Así mesmo, manifestamos o noso apoio coas persoas represaliadas na operación Jaro e con toda a militancia de Causa Galiza, animándoas a elas e a toda a sociedade galega a seguir loitando pola liberdade do noso pobo.
Viva Galiza ceibe! Denantes mortas que escravas.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará