Erguer reclama ás universidades galegas que abandonen a equidistancia ante o xenocidio do pobo palestino

Ante o ambiguo comunicado que a Universidade da Coruña publicou no seu twitter en relación á actual situación en Gaza, dende Erguer. Estudantes da Galiza vémonos na obriga de precisar unha serie de cuestións. Se ben valoramos que a UDC e o seu reitor avoguen por solucións pacíficas, as estudantes galegas, non alleas á masacre que se está a cometer na Franxa, non podemos permitir que as nosas Institucións se mostren neutrais observando o exterminio sistemático do pobo palestino.

É unha vergonza que desde o reitorado se refiran á situación actual como unha guerra entre Israel e Palestina. Nada máis lonxe da realidade. Non se pode falar de guerra cando un estado asasina impunemente a milleiros de civís inocentes. Non se pode falar de guerra cando un estado convirte en obxectivos militares a homes, mulleres e nenos que buscan acubillo en lugares de culto, hospitais e campos de refuxiados. Non se pode falar de guerra cando se está a cometer un xenocidio. E da mesma maneira, non podemos permitir que a Universidade opte polas medias tintas e non condene expresamente a actuación do Estado de Israel.

Estamos cansas de asistir á complicidade das institucións calando ante as violacións do dereito internacional por parte dun estado que recoñece cometer crimes de guerra cada xornada. Por iso, esiximos á Universidade da Coruña e a todas as universidades da Galiza que asuman unha postura digna e comprometida coa defensa dos dereitos humanos. E da mesma maneira, esiximos ao reitor que concrete a súa posición e deixe de chamar “guerra” ao que non é mais que a masacre dun pobo baixo a escusa da loita contra o terrorismo. Palestina merece o mesmo recoñecemento que a Ucraína.

Paremos o xenocidio!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará