O ESTUDANTADO NA DEFENSA DA TERRA

Fai un mes, coñeciamos a realidade da nova macrocelulosa que a empresa Altri, co apoio da Xunta de Galicia, proxecta en Palas de Rei.

Esta será 10 veces maior que a de Ence na Ría de Pontevedra, ocupando 366 hectareas, empregando 46 millóns de litros de auga ao día (dos que 30 millóns volverán ao río Ulla en forma de vertidos contaminantes) e emitindo gases que poluirán a nosa atmosfera. Así, temos ante nós o que pode ser o seguinte grande desastre medioambiental na Galiza, afectando todo o transcurso e entorno do río Ulla, que cruza o noso país dende a comarca da Ulloa ata desembocar na Ría de Arousa. 

Ademais, a expansión do negocio das celulosas fomenta a plantación de máis eucaliptos, necesarios como materia prima das mesmas, castigando de novo os nosos montes fatigados tras décadas de expolio e colonización do medio natural con especies foráneas. O rural galego será víctima directa deste proxecto, o que traerá consigo efectos nocivos para as industrias agrícola e gandeira, fundamentais en comarcas do interior como é a Ulloa.

Todo isto é resultado da política mediambiental da Xunta do PP, que vende o patrimonio natural de todas as galegas e galegos ao mellor postor, preocupándose unicamente polo rédito económico que poden sacar. E mentres eles gañan, nós seguimos perdendo: perdemos a biodiversidade que desaparecerá das rías e dos bosques; perdemos os traballos das persoas que se verán afectadas pola polución destas fábricas e as expropiacións que se farán para as construír; e perdemos tamén o noso dereito a un futuro de calidade no noso país.

Porque as estudantes galegas somos conscientes de que o noso futuro estará marcado polas decisións e medidas ecolóxicas que se tomen agora. Por iso dicimos que é necesario apostar por industria sustentáble, que faga avanzar o país sen facer retroceder a natureza; con proxectos que pechen os ciclos produtivos no país. Por iso incidimos na necesidade dunha sociedade máis consciente do seu patrimonio natural, coñecedora da riqueza que a fauna e flora galegas gardan no mundo actual, e potencie a súa produtividade. Por iso, posicionámonos en contra das políticas contaminantes do PP que, con fábricas como a de Altri, só traerán ao país ríos máis poluídos e nubes de gases tóxicos. Deixándonos, en definitiva, un país máis pequeno e peor do que agora temos.

Para evitar o cancro que será a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, dende Erguer.Estudantes da Galiza chamamos á mobilización das estudantes e da mocidade galegas e secundamos o posicionamento da plataforma Ulloa Viva

O ESTUDANTADO  EN DEFENSA DA TERRA: ALTRI NON!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará